Cultura

A Deputación publica o libro “Ourense, terma bimilenaria” da investigadora Marita Souto

O traballo está articulado por comarcas, estudando os establecementos termais e as fontes de saúde. Marita Souto lembra e reivindica o rexurdimento deste sector na súa vertente terapéutica e como ben de saúde

Óscar Gómez

Ourense | 01.03.2022 09:36

A Deputación publica o libro “Ourense, terma bimilenaria” da investigadora Marita Souto
A Deputación publica o libro “Ourense, terma bimilenaria” da investigadora Marita Souto | onda cero

A Deputación de Ourense ven de editar o libro “Ourense, terma bimilenaria”, da investigadora ourensá Marita Souto. Esta publicación fai un extenso recorrido histórico pola cultura da auga da provincia, vinculada dende fai séculos ao termalismo. “É un magnífico traballo de Marita Souto, unha das grandes especialistas en termalismo, da que temos que presumir que é ourensá. Sempre loitou por este sector, situada na vangarda da investigación científica”, destaca o presidente provincial, Manuel Baltar, que define o valor deste libro: “A Deputación de Ourense pon a disposición dos lectores un completo traballo de toda a nosa riqueza termal; a provincia co maior potencial termal de Europa”.

O presidente da Deputación alínea a traxectoria de Marita Souto con esta publicación e o peso específico do termalismo na provincia: “Merece a pena aplaudir a Marita Souto, por toda unha vida entregada a investigación. Recoñecemos un completo traballo de investigación e divulgación, un dos nosos eixos estratéxicos de desenvolvemento. Agora, a Deputación, co seu servizo de publicacións, difunde a nosa riqueza termal a través dunha das investigadoras máis prestixiosas, ourensá, que sigue ca súa vocación pública de investigación, promocionando e impulsando o noso rico, e moi exportable, sector termal”.

O traballo está articulado por comarcas, no que se estudan os establecementos termais ou as fontes de saúde. “Cada ficha acompáñase dunha memoria histórica de referencias de médicos, historiadores, escritores e viaxeiros dende o século XIV ata o século XXI, servindo ao lector curioso para coñecer como foi o devir das estacións balnearias no tempo”, sinala Marita Souto na presentación do libro.

Novidades e fotografías inéditas

“Ourense, terma bimilenaria” amplía o traballo realizado pola autora no libro “Galicia, terma bimilenaria”. Está enriquecido con maior número de fontes de saúde e balnearios, reforzando a investigación das súas orixes e incluíndo as memorias do director médico do balneario. “Establecementos famosos a finais do século XIX e comezos do XX, nalgúns casos hoxe abandonados e en outros substituídos por plantas embotelladoras. O libro tamén presenta fotografías inéditas”, explica Marita Souto.

O libro describe novas fontes de auga termal, fontes de saúde e benestar, como recorda a experta: “Queda demostrada a fe no efecto beneficioso e curativo cos agüístas facían destas augas xa como auga de bebida ou como baño, respaldadas por séculos de utilización”. “Ourense, terma bimilenaria” estuda a situación actual das instalacións balnearias e hoteleiras, segundo avanza Marita Souto na presentación do libro, “investigando e interpretando o rico patrimonio natural, etnográfico, arqueolóxico e a valiosa e variada arquitectura relixiosa e civil da comarca na que está situado cada balneario e fonte de saúde”.

Recorda a investigadora o resurximento deste sector na súa vertente terapéutica e como un ben de saúde, benestar e saúde mental, perfilando o concepto de “turismo de saúde”. Afondando na difusión dos efectos terapéuticos das augas mineiro medicinais e a reivindicación da terma como un “destino turístico privilexiado, conxugando natureza, patrimonio e pracer, congregando actividade terapéutica ao benestar e ao turismo de saúde”. Nesta liña, a publicación, que comeza cun compendio de artículos de expertos no ámbito termal -Philippe Vergnes, Luis Pérez de Romero, José Ramón Seara, Mayte Suárez ou a propia Marita Souto-, inclúe un capitulo adicado a “virtudes, clasificación e relación coas patoloxías das augas misteriosas” e un glosario con máis de 140 palabras vinculadas ao eido termal.