A vicepresidenta primeira da Deputación de Ourense, Marta Nóvoa, recibiu a unha delegación do goberno provincial de Qinghai (China), que hoxe mesmo principiou unha visita á provincia de Ourense no marco dunha viaxe deseñada para coñecer a actividade económica e os recursos turísticos da provincia.
A delegación chinesa estaba encabezada polo vicegobernador, Liu Chao, acompañado polo deputado e secretario xeral, así como polos responsables de ciencia e tecnoloxía, industria, finanzas e relacións exteriores. No encontro institucional tamén participaron, en representación de diversas institucións da provincia, a presidenta da Confederación Empresarial de Ourense, Marisol Nóvoa, ademais de representantes da Universidade de Vigo e do Parque Tecnolóxico de Galicia.
As principais industrias da rexión de Qinghai están dedicadas á extracción de gas natural e petróleo. Na zona hai máis de 30 lagos salgados que producen máis de 70.000 millóns de toneladas de sal ao ano. Fronte á agricultura, pouco desenvolvida, máis do 50 % do territorio da provincia está dedicado a pastos para gandaría.