O deputado de Cooperación, Pablo Pérez, acompañado pola alcaldesa de Allariz, Cristina Cid, supervisou o resultado das obras realizadas pola Deputación de Ourense na estrada de Santa Mariña, onde grazas á construción de beirarrúas refórzase a seguridade viaria dos peóns que transitan por esta zona próxima ao casco urbano de Allariz. Unha visita na que tamén estivo presente a portavoz do grupo municipal do PP, Luz Doporto.
Pablo Pérez destacou que se trata dunha actuación máis “que demostra a vocación de colaboración do goberno provincial cos concellos”, anunciando que o proxecto realizado neste punto da vila terá continuidade en 2023 coa construción de novas beirarrúas na outra marxe da estrada.
Cristina Cid subliñou entre tanto que as obras xa realizadas “permiten definir claramente a calzada, as zonas destinadas a aparcamento e para os peóns”. Un proxecto de urbanización “para un espazo como este, que é unha das entradas máis importantes que ten Allariz”, engadiu a alcaldesa.
Cun orzamento de 80.000 euros, as obras realizáronse nun tramo de máis de 200 metros da estrada de Santa Mariña (OU-0151 de titularidade provincial), incluíndo ademais das novas beirarrúas a instalación de conducións para soterrar o cableado aéreo que discorre pola zona. Unha actuación á que se engadirá o axardinamento dos espazos habilitados e a instalación de mobiliario urbano.
Acondicionamento en espazos rurais
Este proxecto súmase ao acordo de colaboración pechado a principios de mes entre Manuel Baltar e Cristina Cid para a execución de obras de acondicionamento en espazos rurais do municipio, referidas fundamentalmente a rúas e proxectos de recuperación do patrimonio. Unha liña de cooperación que quedará reflectida na modificación de créditos que se presentará ao pleno do mes de setembro.