A Deputación de Ourense vén de reforzar o seu liderado como goberno aberto á cidadanía co lanzamento do novo portal de Transparencia, que dun xeito claro, amigable e máis comprensible pon a disposición de calquera persoa toda a información relacionada coa propia institución e os seus cargos, planificación de goberno, servizos á cidadanía, transparencia económica, contratos, convenios subvencións, e apoio aos concellos.
Un “exemplo de autoesixencia e de compromiso coa cidadanía a través dun proxecto que ten como obxectivo fundamental compartir a máxima información e que sintan orgullo de seu por contar cun goberno como este”, dixo o presidente provincial, Manuel Baltar, acompañado na presentación da plataforma polo director de Transparencia e Goberno Aberto, Fernando Suárez.
Manuel Baltar subliñou que o novo portal é un instrumento “innovador e diferenciador”, que segue a liña estratéxica marcada desde a súa chegada ao goberno da Deputación “e que nos permite dicir que somos desde 2017 o goberno provincial máis transparente de España”, así como tamén que desde principios de mes “esta presidencia lidere o ranking de transparencia entre os 52 presidentes dos gobernos provinciais, incluídas deputacións, consellos e cabildos insulares”.
Cos lóxicos límites da lexislación, explica, ser líderes en transparencia significa “compartir toda a información posible coa veciñanza, sexa ou non da provincia, resida no territorio ou estea no exterior, e con este proxecto imos nesa dirección”. Para o presidente provincial, o novo portal “sitúanos á vangarda, mesmo propiciando a posta en marcha de indicadores que xurdiron tras iniciativas desta Deputación como goberno propositivo que somos”
Fernando Suárez subliñou, pola súa banda, que o portal nace con vocación de converterse “nunha ferramenta de uso cotián por parte da cidadanía, colectivos e entidades”, ofrecendo información dun xeito dinámico e actualizado, “evolucionando non só por iniciativa da propia Deputación, senón tamén en resposta ás necesidades e demandas da veciñanza”.
O portal, que cumpre tamén con todos os índices de transparencia a nivel internacional ,engadiu Suárez, fai que a Deputación de Ourense cumpra con preto do 90 % dos items esixidos pola plataforma Dyntra -168 de 189- a hora de valorar as boas prácticas de transparencia e goberno aberto, así como o cumprimento das obrigas legais e demandas cidadáns nesta materia.
Seis bloques de información ao servizo do cidadán
Este proxecto foi desenvolvido pola área de Transparencia e Goberno Aberto da Deputación, en colaboración co resto de departamentos da insitución e coa empresa Dynamic Opengov Technologies, líder en transparencia e especializada en ferramentas de goberno.
Desde o sitio web https://transparencia.depourense.gal/