A investigación correu a cargo de axentes ambientais da Unidade de Investigación de Incendios da Xunta de Galicia (UIFO) en colaboración estreita con axentes do Equipo do Seprona da Comandancia da Garda Civil de Ourense e da policía xudicial da Garda Civil de Verín.
Así, esta investigación deu como resultado a detención e posta a disposición xudicial dunha muller veciña de Verín como presunta autora de cinco incendios forestais rexistrados entre o 3 e 4 de agosto con múltiples focos de lume e que finalmente se uniron nun único incendio. Ademais, nese lume foi preciso decretar de forma preventiva a Situación 2 pola proximidade deste incendio aos núcleos de poboación. Ademais dos cinco delitos por incendios forestais, tamén se lle imputa outros sete delitos por danos, xa que resultaron afectadas varias vivendas e vehículos. A detida foi identificada como Estrella R.P.
As pescudas iniciáronse xa cando se realizaban os labores de control e extinción por parte do Servizo de prevención e extinción de incendios forestais da Xunta de Galicia. Esta rápida chegada ao lugar e a colaboración da cidadanía foron fundamentais no avance das investigacións. Neste senso, cómpre indicar que a presunta autora utilizaba o seu vehículo para desprazarse polo concello e foi vista en varias ocasións polas áreas de inicio dos puntos de lume polos investigadores.