O escritor porriñés Diego Giráldez García é o gañador do XLIII Premio de Novela Eduardo Blanco-Amor polo seu traballo “As obras póstumas”. Así o acordou o xurado do certame, reunido no Centro Cultural Marcos Valcárcel, que escolleu a obra gañadora por maioría de entre un total de 49 orixinais presentados a esta edición, máis do dobre das obras recibidas na pasada edición (21). Organizado pola Fundación Eduardo Blanco-Amor coa colaboración da Deputación de Ourense, o premio está dotado con 15.000 euros e unha peza artística do escultor Acisclo Manzano.
No seu fallo, o xurado destaca o estilo “directo, rico e cargado de simbolismo” que caracteriza a obra premiada, na que se aborda a historia dunha escritora que ante a diagnose de demencia reflexiona sobre a vida e sobre o seu traballo.
A prosa elaborada de Giráldez, engade o xurado, crea unha “atmosfera estremecedora sobre o tempo e a memoria” e amosa a realidade crúa sobre o tratamento da enfermidade psiquiátrica do pasado “sen caer en estereotipos”.
O Premio Eduardo Blanco-Amor é o galardón máis veterano e de maior prestixio da novela en lingua galega e leva implícita a publicación da obra por unha editorial escollida polo gañador. A entrega desta distinción celebrarase o próximo 13 de decembro durante un acto literario previsto para as 20.00 horas no Liceo de Ourense.
O autor conta co premio literario “Manuel Murguía" e con accésits en outros galardóns. Ademais, en 2020 e 2022 quedou finalista do Premio de Xornalismo “Francisco Fernández del Riego”.