Educación

A directora de F.P destaca os centros das comarcas de Verin e Xinzo

Son catro os institutos da zona que ofertas estas ensinanzas, polas que se decantan un 13,5% máis de alumnos que hai unha década.

Óscar Gómez

Ourense | 02.06.2023 08:09

A directora de F.P destaca os centros das comarcas de Verin e Xinzo
A directora de F.P destaca os centros das comarcas de Verin e Xinzo | onda cero

A representante da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades destacou a aposta dos centros destas comarcas pola FP. "Non en balde, este instituto e os Aquis Querquennis (Bande), Lagoa de Antela e Cidade de Antioquía (Xinzo de Limia) imparten un total de 14 ciclos este curso, con 303 matriculados, un 13,5% máis dos que optaban por estas ensinanzas hai unha década".

Ademais do alumnado e do profesorado dos centros e institutos da comarca que imparten ensinanzas de FP, tamén interviñeron representantes de institucións e empresas da zona como o Consello Regulador da Denominación de Orixe Monterrei, Xoiería Pato e Pallozas Turísticas Ridicodias.

Creación de 9.500 prazas

O celebrado esta mañá no Instituto IES García Barbón de Verín é un dos 14 encontros territoriais que a Xunta está a organizar dentro do Plan Conecta FP para crear 9.500 novas prazas de FP. Ademais, hai outros cinco encontros sectoriais. A partir de cada un deles créanse outros 19 grupos de traballo que identificarán as necesidades actuais e futuras das empresas, analizarán as posibles transformacións produtivas e a súa implicación nos novos perfís profesionais relacionados con empregos futuros. Da análise de cada un dos grupos xurdirán plans de acción de formación especializada para cada ámbito profesional e territorial, que conformarán o Plan Conecta FP Galicia para deseñar e planificar a oferta destas ensinanzas á medida do tecido produtivo galego e de cada zona.

O obxectivo deste plan é formar profesionais cualificados que dean maior e mellor resposta ás necesidades das empresas favorezan a súa competitividade, así como a confianza da industria na FP. Isto redundará, ademais, nunha maior empregabilidade da poboación nova.