A Alcaldesa lembraba que son moitos anos de colaboración entre o Concello de Allariz e a Universidade, o que se uniu fai catro anos a Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta de Galicia, o que permitiu que se traballe nun xacemento tan importante como é a Cibdá de Armea.
Nesta campaña cúmprense 12 anos de escavacións, cun total de investimento de 70.000€ nesta anualidade, dos que a Xunta de Galicia aporta 25.000€, a Deputación Provincial outros 25.000€ e o resto son fondos municipais. Adolfo Fernández, director das escavacións explicou que este ano, grazas o financiamento acadado se pasou a escavar dos meses en vez de un como se facía nos últimos anos. A estimación de superficie escavada nesta intervención é de trescentos metros cadrados, na que como sempre se atoparon restos de edificacións romanas, así coma vidro, cerámica e metais que se están analizando na Universidade de Vigo.
Nesta tempada rematouse a escavación da Domus Norte atopando os seus muros exteriores, así como mais estancias e diferentes zonas como adegas e zonas de habitacións. Así mesmo unha nova casa cun patio central foi descuberta, o que nos indica a importancia deste asentamento romano do S. I, con edificacións de dous pisos, que fai da Cibdá de Armea un referente a nivel arqueolóxico. Segundo nos explicaba o director das escavacións, rematar ca escavación desta domus ábrenos un futuro novo de intervencións en zonas diferentes do poboado nas seguintes campañas.
Entre todas as pezas atopadas durante esta campaña 2022, atopouse o cumio dunha estela funeraria, o que fai indicar a existencia dunha necrópole na Cibdá que aínda non teñen localizada. Roberto Pena agradecía que se contara ca participación da Dirección Xeral de Patrimonio nun proxecto tan ilusiónante e que tan bos resultados está dando. Por outra banda o Decano da Facultade de Historia, Julio Prada, remarcaba a importancia de que os alumnos e alumnas de arqueoloxía podan facer prácticas nun espazo como é o de Armea e fagan visible esta profesión.
Durante todo o mes de xullo, o alumnado de arqueoloxía que solicitou a súa praza para realizar prácticas no xacemento, estivo a traballar supervisados polo equipo encabezado por Adolfo Fernandez como director da escavación. As solicitudes para realizar as prácticas no xacemento ascenderon a casa 300, das cales puideron soamente das cabida a 25 alumnos e alumnas. Este ano houbo unha segunda quenda xa profesionalizada na que se escavou acadando grandes logros e permitiu sacar a superficie máis restos así como edificacións que aseveran a importancia da Cibdá de Armea.
Segundo explicaba Adolfo, nos vindeiros días realizarase o mes de restauración e consolidación do escavado, e durante o resto do ano e ata a próxima intervención de campo no xacemento, o traballo de procesamento de datos no laboratorio de arqueoloxía e catalogación dos mesmos.