Nesta importante cita do campo a través autonómico acudiron boa parte dos e das mellores especialistas da distancia na procura deste importante título baixo un circuito duro e esixente que pasou factura a non poucos participantes. Sen lugar a dúbidas, as intensas choivas dos últimas días contribuirían a ese estado de dureza que malia elo, non impediu presenciar un fermoso e interesante campionato que servirá en parte para determinar a lista da selección galega que tome parte no Campionato de España de Federacións o vindeiro día 29 deste mes na localidade biscaiña de Ortuella.
Dominio lucense
Na categoría absoluta, e sobre unha distancia total de 9.000 m., cumplíronse os prognósticos cos triunfos lucenses tanto de Laura Santos do Playas de Castellón e Esteban Iglesia do Lucus Caixa Rural Galega, os cales lograban un cómodo título autonómico por diante tanto de María Cedrón do ADAS CUPA como Ester Navarrete do A.F. Celta na categoría femenina, e de José Canda do Atletismo Arenteiro e Jorge Puig do Clube Atletismo Santiago na masculina.
Boas carreiras nas Sub20 e Sub23
Previamente á disputa da categoría absoluta, foron os Sub20 os que abrirían este campionato galego pouco antes das 11:00 horas e na que Isabel Caeiro da Gimnástica de Pontevedra lograba o triunfo por diante de Ainoa Gontán e Carla Díaz que copaban os postos de podio. Nos homes tamén dominio claro de Victor Sambade do Triki Team que continúa na senda dos bos resultados e que desta ocasión lograba impoñerse a Gabriel Losada e Iván Riego.
Xa na categoría Sub23, superioridade do ADAS CUPA logo de lograr colocar ás súas atletas, María Cedrón, Sara López e Inés Docampo nos tres primeiros postos da clasificación xeral da carreira. Algo semellante acontecía cos atletas masculinos do Real Club Celta no que o primeiro posto correspondería a Hugo Suárez e o terceiro de Hugo García. Yago Ignacio García do Atletismo Santiago acadaba o subcampionato autonómico.
Cros de Antioquía
Paralelamente disputouse unha nova edición do IV Cros Popular de Antioquía baixo un importante número de participantes, cuxos gañadores absolutos resultaron ser Pamela Pérez e Luis Iglesias ambos do Atletismo Arenteiro.