Pensións

Emilio González subliña que a decisión do Goberno de revalorizar as pensións

O subdelegado do Goberno sinala que as pensións contributivas na provincia recibirán un incremento medio de 448 euros anuais. A provincia de Ourense suma 106.916 pensións contributivas abonadas pola Seguridade Social en xaneiro

Óscar Gómez

Ourense | 24.02.2022 19:32

emilio gonzalez afonso
emilio gonzalez afonso | onda cero

O subdelegado do Goberno en Ourense, Emilio González, destacou que a decisión do Executivo central de revalorizar as pensións implica un investimento social que inxectará este ano 47,5 millóns de euros máis na provincia de Ourense. Corresponde ao aumento da nómina da Seguridade Social na provincia durante este ano tras o acordo de revalorización das pensións contributivas adoptado polo Goberno.

Así o subliñou o subdelegado do Goberno durante a visita que realizou esta mañá á Delegación Provincial do Instituto Nacional da Seguridade Social e da Tesourería Xeral da Seguridade Social en Ourense, na que estivo acompañado pola directora provincial, Carolina Gancedo, e polo subdirector de Incapacidade Permanente e Pensionistas, Juan Carlos García.

Con eles analizou o aumento da pensión media en Ourense ata os 800,93 euros no mes de xaneiro, o que supón un incremento de 32 euros máis que en decembro. “Por primeira vez a pensión media na nosa provincia supera o limiar dos 800 euros mensuais. Con esta medida o Goberno está a dar un gran paso cara á dignificación das pensións, facéndoo do mesmo xeito que noutras decisións deste Executivo, con diálogo e acordo cos axentes sociais”, resaltou Emilio González.

O subdelegado indicou que na provincia de Ourense son 93.940 persoas que perciben 106.916 pensións contributivas. Polo tanto, o aumento medio de 448 euros anuais nestas prestacións beneficia aproximadamente a un de cada tres ourensáns.

Emilio González sinalou que a reforma da Lei de Pensións supón o cumprimento dun novo compromiso por parte do Goberno. Destacou que “para o Executivo é de xustiza mellorar as pensións e a calidade de vida das persoas no momento en que chegan ao final da súa vida laboral”.

Así mesmo, apuntou a importancia que teñen as pensións na provincia de Ourense e lembrou o papel fundamental que desempeñaron os pensionistas durante a pandemia e en anos anteriores, con motivo da crise económica, “pois contribuíron cos seus ingresos ao sostemento de moitas economías familiares”.

O subdelegado destacou que a reforma da Lei de Pensións, froito do acordo social e non unha imposición, ten a virtude de aportar certeza aos pensionistas, ao asegurar que os seus ingresos se revalorizarán tanto como suba a inflación. Neste sentido, incidiu no prexuízo causado polo anterior marco, co mal chamado factor de estabilidade, que lle provocou unha perda do poder adquisitivo do 7,5% aos pensionistas.