Emprende Makers busca fomentar a creación de empresas
Covadonga Toca incidiu na importancia de que a vía para a creación de emprego é escoitar propostas e atender as necesidades reais axustadas ao contexto actual
A secretaria xeral de Emprego, Covadonga Toca, participou en Ourense na presentación do proxecto Emprende Makers co que se busca fomentar a creación de empresas innovadoras impulsadas por mozos e mozas da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal. O reto é aproveitar os centros de fabricación dixital como pancas do emprendemento innovador.
Toca destacou o apoio da Xunta a este tipo de proxectos que buscan o desenvolvemento de ferramentas que perfilen a creación dun ecosistema emprendedor aproveitando as ferramentas da Industria 4.0. En palabras da secretaria xeral de Emprego, o fin último é a creación de emprego de calidade.
A responsable de Emprego, así mesmo, sinalou que a vía para crear emprego de calidade é escoitar propostas e atender as necesidades reais e puntuais axustadas ao contexto actual. Así, indicou que a Xunta traballa para manter unha Galicia competitiva, responsable, inclusiva e igualitaria na que as empresas e a administración traballen cara a unha sociedade responsable e un desenvolvemento sostible, no contexto da dixitalización.
Neste senso, afirmou a aposta da Consellería de Economía, Emprego e Industria por afianzar unha Galicia como espazo de oportunidades de emprego do futuro coa colaboración de axentes públicos e privados; unha Galicia consolidada na Industria 4.0 e centrada na economía intelixente, en clave tecnolóxica, achegando respostas formativas a medida para o emprego; e un servizo público de emprego evolucionado para dar resposta á cidadanía e ás empresas por diversas canles, con capacidade e servizos para atender ao mercado laboral en constante evolución.
A secretaria xeral tamén fixo fincapé nas ferramentas de apoio coas que conta a Xunta para a creación de novas empresas. Destacou varias liñas de axuda para o fomento do emprendemento que procuran impulsar o nacemento de novos proxectos empresariais e a participación nesas iniciativas de persoas de colectivos prioritarios, como mulleres, persoas con discapacidade, emigrantes retornados e a mocidade, entre outros.
As medidas especificamente dirixidas a emprendedores da Xunta compleméntanse coas destinadas a pequenas e medianas empresas e a profesionais autónomos, para en conxunto ofrecer solucións a aspectos tan importantes como o acceso ao crédito, a conciliación laboral e familiar, a contratación ou a innovación.
Toca, para rematar, incidiu na importancia da cooperación para acadar estes retos e na necesidade de seguir traballando para adaptar o mercado laboral galego ao novo escenario poscovid-19 para favorecer a reactivación económica, poñendo en marcha medidas froito do consenso e no seo do Diálogo Social.
Emprende Makers
O proxecto de cooperación transfronteiriza, xa en marcha, estenderase ata finais de 2021 e conta coa participación de oito entidades galegas e do Norte de Portugal. A iniciativa está cofinanciada polo fondo FEDER, a través do Programa Operativo de Cooperación Transfronteiriza España-Portugal (POCTEP).
Ourense acolleu hoxe unha xornada de lanzamento para dar a coñecer o proxecto e mostrar experiencias de éxito no campo do emprendemento a través das tecnoloxías maker como na xeración e xestión de ecosistemas facilitadores a nivel municipal e rexional, poñendo tamén en valor a importancia do Movemento Maker ante a pandemia da covid-19. A iniciativa inscríbese na celebración da Semana Maker: emprendemento e tecnoloxía en Ourense, que se estenderá ao longo de tres días, ata o próximo 17 de xullo.