Un total de 18 empresas presentan as súas ofertas para executar as obras de mellora do sistema de abastecemento no concello de Lobios. O contrato, licitado por case 350.000 euros, conta cun prazo de execución de catro meses.
Esta intervención ten como obxectivo resolver as carencias na rede de abastecemento nos núcleos de Vilameá, A Devesa, San Paio e Esperanzo coa fin de optimizar a calidade de subministro á poboación. As obras contan co cofinanciamento da Unión Europea, a través do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER). As actuacións proxectada por Augas de Galicia distribuiranse en dúas zonas: unha en Vilameá e A Devesa, e a outra en San Paio e Esperanzo.
A intervención na contorna de Vilameá e A Devesa consiste na execución dunha rede de distribución desde o depósito actual ata os dous núcleos. Proxéctase un anel principal en tubaxe de polietileno soldable dunha lonxitude de preto de 1 quilómetro. Desde o anel, prevese a instalación de tubaxes, que distribuirá o caudal necesario aos dous núcleos.
En canto aos traballos en San Paio e Esperanzo, acometeranse redes independentes para estes dous núcleos de poboación. A rede partirá do depósito existente e terá unha lonxitude de máis de 1.71 quilómetros, e desde o anel principal, e para distribuír caudal aos dous núcleos, instalaranse uns 973 metros de tubaxes.
A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade continúa prestando apoio técnico e financeiro aos concellos para que poidan desenvolver de xeito eficiente as súas competencias de saneamento e abastecemento.