A Escola Superior de Enxeñería Informática (ESEI) do Campus de Ourense acollerá o 16 e o 17 de decembro a primeira edición de “Decembro Maker Talks”, un encontro dixital promovido pola Deputación de Ourense dentro do proxecto europeo “Emprende Maker,” cofinanciado ao 75% polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) a través do Programa INTERREG V A ESPAÑA – PORTUGAL (POCTEP) 2014-2020.
“Decembro Maker Talks” centrarase na innovación e a tecnoloxía, desde unha perspectiva didáctica e práctica, e nel abordaranse temas como a Internet das cousas, robótica, impresión 3D, ciberseguridade e videoxogos. Nace co obxectivo de reunir a profesionais de sectores como a Intelixencia Artificial, a impresión 3D, os videoxogos e a ciberseguridade, así como con representantes de espazos cidadáns concibidos como laboratorios transformadores e puntos de encontro de talento e para o coñecemento.
Manuel Baltar recalcou na súa intervención a aposta da Deputación pola dixitalización e a innovación: “As situamos como panca de desenvolvemento para transformar a provincia mentres avanzamos na visibilización de Ourense como un territorio innovador, a través de proxectos promovidos polo goberno provincial como o Centro de FP Eduardo Barreiros, o edificio Provincia Intelixente, a Mobile Week Ourense ou a nova iniciativa arredor da dixitalización do ciclo da auga en Ourense”.
E nesta estratexia innovadora, destaca o presidente da Deputación, é fundamental a cooperación: “Dentro da nosa frutífera alianza coa Universidade de Vigo estamos a fomentamos o modelo de innovación de triple hélice, entendéndoa como ese conxunto de interaccións entre a academia, industria e os gobernos para avanzar no desenvolvemento social e económico”. “No noso papel de ‘administración panca’ é fundamental impulsar proxectos como este, un fito máis na colaboración coa Universidade de Vigo que se suma a todas as iniciativas que ao longo deste ano achegaron ás novas tecnoloxías aos ourensáns”, destaca Manuel Baltar.
Nesta liña, Elena Rivo recoñeceu a colaboración entre Deputación e Universidade de Vigo para fomentar proxectos conxuntos, “neste caso dando continuidade e pulo á sinerxía de colaboración xa existente entre a institución académica e a provincial, neste caso no marco dun proxecto transfronteirizo”.
Catro eixos de traballo: espazos conectores, ecosistema dixital, negocios e tecnoloxía e videoxogos
1. Espazos conectores
Os relatores abordarán desde diferentes aspectos “o camiño que tanto as cidades grandes como as pequenas iniciaron cara á extensión no uso e desenvolvemento das tecnoloxías”, segundo sinalou esta mañá na presentación de “Decembro Maker Talks” Francisco Javier Rodríguez, “dando protagonismo a entidades e asociacións da sociedade civil que teñen asumido o reto de ofrecer espazos nos que se combina arte, cultura, emprendemento e sectores relacionados coa tecnoloxía (coa creación de centros de coñecemento, laboratorios cidadáns, fab labs, espazos de coworking, ateneos de fabricación dixital, etc).
O 16 de decembro pola mañá, realizaranse encontros con Edo Sadikovic e María Rodríguez, cofundadores de Sende, o primeiro coworking e coliving no rural; Nuria Robles, responsable do Laboratorio Digital Fab Lab León; e o director da ESEI, Francisco Javier Rodríguez.
2. Ecosistema dixital
O segundo dos bloques titúlase “Ecosistema Dixital. Do hacker ao maker”. A cultura “maker”, explican desde a organización da actividade, é unha subcultura contemporánea que representa unha extensión da cultura DIY (faino ti mesmo) baseada na creación e perfeccionamento de distintas ferramentas para resolver problemas da vida cotiá. Nesta sesión dos encontros, detallan, presentarase “Argalleiros”, a guía “maker” para Galicia e Norte de Portugal, que ofrece “un percorrido polas orixes e a filosofía dun movemento que ten raíces máis profundas nesta eurorrexión do que a primeira vista poderiamos pensar”. Neste bloque tamén se dará a coñecer o estado actual da impresión 3D e algunhas das claves sobre a seguridade na rede da man dun experto hacker.
Neste ámbito, o 16 de decembro pola tarde sumaranse os encontros co deseñador gráfico Pablo Culebras; Lucía Míguez, fundadora de Rysia, empresa especializada en impresión 3D; e con Antonio Fernandes, responsable de ciberseguridade e “hacker”, e celebrarse o concurso.
3. Negocios e tecnoloxía
Negocios e Tecnoloxía é o terceiro dos eixes da programación. Nel, da man de profesionais, abordaranse cuestións coma se a crise actual e a transformación dixital son unha oportunidade para o cambio; cales son as tendencias no mundo da tecnoloxía; que nichos de negocio podemos identificar ao noso redor; explorar se as empresas están a adaptar os seus modelos de negocio para enfrontarse aos novos retos, prepararse para o cambio ou abrir novas liñas estratéxicas ou que podemos atopar en plataformas, redes sociais, metaverso ou intelixencia artificial.
O 17 de decembro pola mañá, “Decembro Maker Talks” contará con Carlos Molina, creador de “Multiversial”; Manuel Meijide, director da compañía Ilux Visual Technologies; e con Edgar Martín Blas, da empresa Virtual Voyagers.
4. Videoxogos
“O ecosistema do videoxogo vai máis aló do mero entretemento: está cada vez máis presente na nosa sociedade e é un sector que non para de crecer, tanto en afeccionados como desde o punto de vista económico”, resaltou esta mañá o director do ESEI, Francisco Javier Rodríguez.
Os videoxogos están considerados como cultura debido a que, por unha banda, son un reflexo da sociedade; e por outro, absorben un amplo abanico de sectores profesionais: desarrolladores informáticos, deseñadores gráficos, guionistas, músicos, etc. Ademais, xeraron unha lucrativa industria ao redor da organización e retransmisión de encontros, con equipos profesionais, medios e comunicadores. Trátase dun dos sectores económicos máis puxantes na actualidade, e cun maior potencial de crecemento.
O 17 decembro pola tarde, o encontro sumará a presenza de Valeria Castro, cofundadora e produtora do estudo Platonic Games; Roberto Yeste, director de Playstation Iberia; Miguel Á. Areán, de PolygoneStudios; e Cristian “Espartaco”, general manager en España e Latinoamérica do club Qlash.