Entrega das primeiras axudas á natalidade concedidas pola Deputación de Ourense dentro do programa ChegOU 2021 para o fomento da natalidade, nun acto simbólico no que as sete nais que recolleron de mans do presidente provincial, Manuel Baltar, a súa tarxeta monedeiro representaron ás 269 familias que nesta semana están a recibir as axudas de entre 300 e 500 euros para mercar en farmacias e parafarmacias da provincia produtos de hixiene, alimentación ou saúde para os bebés.
Acompañado por Luz Doporto, deputada de Reto Demográfico, e José Juan Cerdeira, director da área de Benestar, Manuel Baltar, reivindicou “a utilidade e sentido social da Deputación de Ourense, que desde 2016 entregou máis de 2 millóns de euros en axudas á natalidade, compatibles con calquera outras, a máis de 6.000 familias dos 92 concellos da provincia”. Unhas achegas, dixo, “que saen do diñeiro de todos os ourensáns, pero que se quedan no territorio, como ocorre tamén con outros programas que xestionamos para facilitar a creación de emprego no rural”, en referencia ao plan EmprendOU.
Destacou Baltar que “en 2016 fomos pioneiros entre as catro provincias galegas na posta en marcha do programa ChegOU e hoxe seguimos sendo a primeira e única provincia da comunidade, pero ademais a institución que máis rápido xestiona unha axuda social en España cun período medio de 5 días entre a presentación da solicitude e o envío da tarxeta, mesmo coa novidade dunha aplicación para solicitar a tarxeta desde o móbil”.
Esta App permite presentar as solicitudes directamente desde o móbil ao Registro Xeral da Deputación, incorporando o concepto de “expediente aberto”, onde o cidadán pode coñecer en todo momento e en tempo real o estado da súa solicitude, visualizando un cronómetro co tempo empregado na resolución e recibindo notificacións.
Nos vinte primeiros días transcorridos desde a apertura do prazo de solicitudes da tarxeta ChegOU , o pasado 1 de xuño, a área de Benestar recibiu preto de 400 peticións. As 269 familias que nesta semana están a recibir as axudas correspóndense co 100 % das solicitudes resoltas ata o pasado día 15.
A estas axudas, que xestiona a Área de Benestar da Deputación, poderán optar todas aquelas persoas que entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro do presente ano teñan un fillo, adopten ou accedan á tutela de menores. As contías das subvencións corresponderanse coa clasificación dos concellos en cuxo rexistro civil se inscriba o menor, é dicir, 300 euros no caso dos concellos sen prioridade demográfica (graos 0, 1 e 2) e 500 euros para os denominados municipios de reto demográfico (grao 3). As solicitudes poderán presentarse ata o 31 de decembro.
Os beneficiarios recibirán unha tarxeta electrónica coa cantidade concedida e que, unha vez activada, permitirá súa utilización en farmacias e parafarmacias da provincia para a adquisición de produtos hixiénicos, alimentarios ou de saúde relacionados co bebé. A tarxeta permanecerá activa ata o 31 de maio de 2022.