A Biblioteca Pública da Xunta en Ourense ‘Nós’ converte o Entroido no protagonista do seu espazo en febreiro, cunha mostra de imaxes, máscaras e un punto de información. Xunto a esta, o tratamento da violencia de xénero na prensa ao longo do tempo centrará a exposición do mes, cuxa axenda se completa cunha intensa programación infantil. Todas as propostas poden consultarse na web do centro.
A programación infantil comeza xa mañá día 1 de febreiro cunha nova sesión de Contiños con Susana, para nenos e nenas de catro a seis anos, que se celebrará como vén sendo habitual todos os martes do mes. Na xornada seguinte terá lugar o contacontos-obradoiro Tarde con Lúa, dirixido á cativada de cinco a sete anos. O día 3 será a quenda do contacontos inclusivo con Signos que contan, a cargo de María Luísa Lombardero como intérprete e Fátima Fernández como narradora. Xa na seguinte semana, o mércores 9 chega o bebecontos Animaliños, con Ramiro Neira. Na xornada do 10 será a primeira sesión do mes de Os xoves son de conto, con Sarabela Teatro, para rapazada de sete a 12 anos, que se repite o 17. Por último, o 23 Ana Fachini ofrecerá o bebeconto Un día na granxa.
Mostras
Canto ás mostras, a exposición central xirará arredor do tratamento da violencia de xénero na prensa. Instalarase o día 15 do vindeiro mes e permanecerá na biblioteca ourensá ata o 30 de abril. Ademais, nos primeiros días do mes, ata o 5, poden visitarse algunhas das exposicións abertas en xaneiro. Trátase de Maléficas e Santas, unha mostra de gravados baseados en lendas ourensás, Os nosos ilustradores e as nosas ilustradoras, unha selección de libros con ilustracións de autoría ourensá, e Grandes do cine da animación, unha escolma de filmes do espazo audiovisual. Estas dúas últimas propostas enmárcanse no Día da ilustración.