Educación

Estudantes do CIFP A Farixa de Ourense gañan o 1º Premio das 1ª Olimpíadas Teleco

Este triunfo reflicte a calidade da formación impartida no CIFP A Farixa, combinando tecnoloxía e sostenibilidade para mellorar a nosa sociedade.

Óscar Gómez

Ourense | 30.05.2023 08:50

Estudantes do CIFP A Farixa de Ourense gañan o 1º Premio das 1ª Olimpíadas Teleco
Estudantes do CIFP A Farixa de Ourense gañan o 1º Premio das 1ª Olimpíadas Teleco | onda cero

O pasado venres 26 de maio, un grupo de estudantes do CIFP A Farixa de Ourense, baixo a dirección do profesor Ricardo Ameijeiras Vázquez, titor do 1º curso de Sistemas de Telecomunicacións e Informáticos (STI), logrou o primeiro premio das 1ª Olimpíadas Teleco, durante a xornada de competición de equipos e a entrega de premios.

O innovador proxecto dos estudantes, titulado "Sensorización de tanques de tormentas e colectores previos", alzouse entre os gañadores deste prestixioso encontro de ciencia e tecnoloxía. Este proxecto, desenvolvido no marco do módulo de Sistemas Informáticos e Redes Locais (SIRL), demostrou a integración eficaz das telecomunicacións na consecución do obxectivo de desenvolvemento sostible 11 da axenda 2030.

O traballo do alumnado foi desenvolvido con dúas placas ESP – 32 derivadas de Arduino, as cales encargáronse de emitir e recibir datos. O sistema permite medir o volume de auga en tanques de tormentas e os seus colectores previos, enviando esta información a un receptor no centro de bombeo da cidade. Esta solución innovadora facilita un control preventivo eficaz fronte a posibles inundacións ou fenómenos meteorolóxicos adversos como os que aconteceron estes pasados días na mesma cidade de Ourense e outras cidades do estado.

Os obxectivos do proxecto estaban aliñados coas metas do Obxectivo de Desenvolvemento Sostible 11, incluíndo a protección do patrimonio cultural e natural, a redución do risco de inundacións, a minimización de perdas económicas e a mellora na xestión de residuos municipais.

A vitoria neste evento é un fito importante para o CIFP A Farixa e demostra, segundo Jose Manuel Paredes, director do centro “a calidade da educación e a formación que se imparte no centro, cunha comunidade educativa implicada na transmisión de coñecemento entre o sistema escolar e a contorna, a innovación e a integración do alumnado en proxectos profesionais destacando que comunidade educativa do CIFP A Farixa se enorgullece deste logro e felicita aos estudantes e os seus titoras pola súa dedicación e duro traballo.

O equipo gañador clasifícase deste xeito para a final das Olimpiadas, representando a Galicia nunha final cos representantes das demais comunidades autónomas do estado participantes.