A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, destacou o investimento da Xunta de 810.000 € nunha 1ª fase das obras de mellora da estrada autonómica OU-402 na Arnoia, que se licitan hoxe e se iniciarán no outono.
A Plataforma de Contratos Públicos da Xunta recolle este anuncio, que fixa o prazo de execución dos traballos en 6 meses. As empresas interesadas teñen ata o vindeiro 25 de abril para presentar as súas ofertas. Deste xeito, tal e como adiantou Vázquez Mourelle, os veciños e usuarios disporán dun treito de 1,6 km de estrada renovada e mellorada na primavera de 2023.
A titular de Infraestruturas e Mobilidade achegouse hoxe ata o municipio da Arnoia para presentar esta mellora da estrada OU-402 que facilitará desprazamentos máis cómodos e seguros a todos os usuarios, tamén ás persoas que se desprazan a pé, tendo en conta que agora este treito da estrada non ten beirarrúas, nin beiravías, nin zona para peóns. Para acadar este obxectivo mellorarase o trazado da vía, ampliando, sempre que sexa factible, a estrada ata os 7 metros de ancho. Tamén se rectificarán as curvas de radio reducido.
Para favorecer os desprazamentos a pé dos veciños de xeito seguro, habilitarase un espazo peonil, construíndo beiravías ao longo de algo máis de 1 km, de 2 metros de ancho, pola marxe esquerda, e cuneta transitable ao longo de medio quilómetro. Tamén se mellorará a senda existente entre o acceso ao balneario e o núcleo da Arnoia e contorna.
A través desta intervención da Xunta, actuarase na intersección da OU-402 coa vía provincial OU-0305 no quilómetro 30+700. Neste punto, e co fin de mellorar a visibilidade e garantir unha maior seguridade nos xiros, habilitarase un carril central de espera e un cambio de sentido.
Ademais, e tendo en conta que se actuará tamén na entrada ao núcleo urbano da Arnoia, adecuarase o trazado á normativa vixente, incidindo sobre a mellora da visibilidade na circulación. Neses 600 metros de estrada de entrada ao núcleo, debido á dificultade de ampliar a vía sen afectar ás edificacións existentes, conservarase o ancho actual dos carrís, 3 metros, actuando na gabia da marxe esquerda, para convertela en gabia transitable.
A intervención completarase con traballos de reforzo do firme, a mellora da drenaxe transversal, sinalización e instalación de barreiras de seguridade. A titular de Infraestruturas e Mobilidade explicou que a actuación que hoxe se licita non inclúe a intervención no pontón existente, que precisa do permiso da Confederación Hidrográfica Miño-Sil. A este respecto, dixo que co obxectivo de non demorar estas obras de mellora da vía, o departamento que dirixe redactará un proxecto independente para actuar nese punto, tal e como se acordou co Concello.
Ethel Vázquez contrapuxo a aposta que está a facer a Xunta por unha Galicia mellor conectada e máis vertebrada, mellorando as comunicacións entre os municipios pequenos e do interior da comunidade, á do Goberno central, que deixa fóra dos investimentos ao rural, ao igual que coa Lei de mobilidade sostible que está a promover.
Nesta liña, a conselleira incidiu na importancia das actuacións nos municipios pequenos, como está que se levará a cabo na Arnoia e que contribuirá a incrementar as oportunidades do municipio, con grandes atractivos turísticos, como as augas termais naturais.
Tamén se referiu o proxecto que presentou o pasado venres en Beariz, do novo acceso ao parque empresarial de Lebozán, no que a Xunta investirá 445.000€ para favorecer a competitividade do municipio.