A Comisión Executiva Municipal do PSdeG-PSOE de Ourense celebrou unha xuntanza extraordinaria para dar conta da resolución da Comisión Federal de Listas que recolle a excepcionalidade da celebración de primarias para a elección de cabeza de lista do PSdeG-PSOE no Concello de Ourense, suspendendo a convocatoria do proceso e designando a través da Comisión Federal de Listas do PSOE a Francisco Rodríguez Fernández como candidato a todos os efectos.
Dende a CEM manifestamos o noso respecto total pola decisión adoptada polas direccións do partido en Galicia e Madrid e o noso respaldo absoluto ao candidato Francisco Rodríguez, poñéndonos a disposición dende xa para traballar xuntos co obxectivo de gañar as eleccións municipais en maio de 2023 e volver a gobernar en Ourense.
Do mesmo xeito, a executiva deu conta do escrito de renuncia presentado no día de hoxe por parte de Rafael Rodríguez Villarino como voceiro municipal, agradecendo o seu traballo e compromiso nun mandato tan complexo coma o actual.
De acordo co establecido no artigo 234.4 do Regulamento Federal de Desenvolvemento de Estatutos Federais a CEM acordou por unanimidade nomear a Natalia González Beneitez como nova voceira do Grupo Municipal Socialista para o que resta de mandato. Esta resolución trasladarase ao Grupo Municipal Socialista á maior brevidade, formalizándose debidamente a nivel municipal e sendo valorada por todos os membros da dirección local como «o relevo natural na portavocía que manterá e optimizará a dinámica do grupo na institución local ata o remate do presente mandato».