Éxito da convocatoria do primeiro campamento tecnolóxico online de Galicia
En catro días cubríronse as 100 prazas dispoñibles para este campamento de verán impulsado por Tecnópole
O Parque Tecnolóxico de Galicia -Tecnópole- promove o primeiro campamento tecnolóxico de verán online de toda a comunidade, en colaboración coa Consellería de Economía, Emprego e Industria da Xunta de Galicia. O T2W -Tecnópole Technological Workshops-, que ata o de agora era presencial, cumpre a súa oitava edición. As circunstancias derivadas da actual crise sanitaria levaron a redeseñar o seu desenvolvemento, adaptándoo á nova realidade que estamos a vivir.
Este luns poñíase en marcha a convocatoria deste campamento e esta mañá xa estaban cubertas as 100 prazas dispoñibles. “Que en apenas catro días se cubriran todas as prazas ofertadas é un indicador da alta aceptación e do alto valor engadido deste tipo de actividades de difusión e desenvolvemento científico entre os máis novos” -manifesta o director xerente do Parque Tecnolóxico de Galicia, Ricardo Capilla-. Sinala que “para o Parque é un éxito enorme que nos obriga a abrir unha segunda quenda para dar cabida á demanda crecente que estamos a rexistrar desde que se comunicou a noticia ao público. Esta boa acollida énchenos de satisfacción e, sen dúbida, elevará aínda máis os xa de por si altos niveis de esixencia e calidade cos que desenvolvamos as nosas actividades".
A segunda quenda deste campamento, que tamén se organizará por grupos de idade, diríxese a un máximo de 100 mozos e mozas de toda Galicia de entre 12 a 18 anos. Celebrarase do 20 ao 31 de xullo, de luns a venres, en horario de 10:00 a 13:30 horas. O prazo máximo para formalizar a inscrición será o 12 de xuño ou ata cubrir a totalidade das prazas.
Talleres de programación, robótica, electrónica, mundo maker ou biotecnoloxía
Nas instalacións de Tecnópole habilitarase un amplo espazo no que diferentes expertos en didáctica da ciencia e da tecnoloxía e en cada unha das materias que se van desenvolver proxectarán os seus coñecementos cara aos xoves participantes, de xeito moi ameno, práctico e innovador.
A través de diferentes talleres, os participantes recibirán formación en programación, robótica, novas tecnoloxías, electrónica, mundo maker (baseado na reutilización e na reciclaxe, en particular no eido das tecnoloxías), hacking (coñecemento dos mecanismos
de seguridade dos sistemas informáticos), biotecnoloxía, biomaking (crear ou fabricar os nosos propios produtos no campo biotecnolóxico) e retos STEAM (trabállanse coñecementos, habilidades, aptitudes e competencias de xeito multidisciplinar, englobando Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñería, Arte e Matemáticas).
No transcurso do campamento programaranse placas electrónicas, os rapaces iniciaranse na seguridade informática, deseñarán roupa con sensores, construirán o seu propio microscopio e analizarán a luz do Sol con espectroscopios, entre outras actividades.
Os participantes recibirán no seu domicilio un kit de materiais tecnolóxicos e científicos para poder desenvolver as diferentes actividades
O campamento ten un custo de 50 euros, que é o prezo do kit de materiais tecnolóxicos e científicos que se achegarán ao domicilio particular de cada participante, unha vez formalizada a inscrición, para que poidan desenvolver as diferentes actividades. Este kit inclúe, entre outros materiais, micropipetas, fío condutivo, tubos de ensaio, un microscopio e un espectroscopio caseiros… “Para poder formar parte desta experiencia só é preciso dispor dun ordenador con cámara, sentir curiosidade pola ciencia e a tecnoloxía, ter ganas de aprender e, sobre todo, de gozar moito” -sinalan desde Tecnópole-.