A delegación da Deputación en Valdeorras, sita na Casa Grande de Viloira, acolle desde hoxe e ata o 31 de decembro a exposición “Cornamusas primitivas: Historia da Civilización”. A presentación da mesma tivo lugar esta mañá coa presenza da deputada delegada especial para Valdeorras, María del Carmen González. Tamén asistiron o representante da Xunta, Manuel Pardo; o presidente da Asociación Camiño de Inverno, Henrique Álvarez; o pesidente do Instituto de Estudios Valdeorreses, Aurelio Blanco Trincado; e o director da Real Banda de Gaitas da Deputación, Xosé Lois Foxo. O acto desta mañá tamén serviu para presentar o libro, co mesmo título da exposición, escrito por Ruth Foxo.
Esta exposición está formada por gaitas procedentes de España, Francia, Italia, Suecia, Xeorxia, Romanía, Croacia, Túnez, Irán, República de Marí, Illas Gregas, India, Turquía, Malta e Ucraína.
Desde a mostra escultórica sobre roca en Taq-i-Bostan (Kermanshah, s. VI d.C.) en Persia (actual Irán) ata a xirolarrúa (País Vasco), tomada das portadas das catedrais peninsulares (s. XIII), aparecen espalladas ao longo e ancho de Europa, Asia e norte de África, variadísimas formas do instrumento. Cada pobo e cada cultura dan a súa impronta morfolóxica e tímbrica á gaita. O seu son vai a ser elemento diferenciador da alma da cultura que a alberga. O seu emprego vai desde os fastos dunha voda persa, cerimonias nupciais, festas ata contextos militares. As súas formas lingüísticas ou denominacións conforman un valiosísimo documento de linguas e culturas de cada rexión ou área cultural.
A través dos vinte exemplares que se expoñen baixo en “Cornamusas primitivas: Historia da Civilización”, seleccionados entre a vasta colección que alberga o Museo Internacional de Cornamusas de Ourense, pódese botar unha mirada retrospectiva cara á historia da civilización, que, sen dúbida, esta mostra leva consigo. Tanto desde o punto de vista lingüístico ou filolóxico, como desde a óptica organolóxica ou musical, os instrumentos que se expoñen nesta mostra son un vivo exemplo de múltiples culturas que nos precederon.
A exposición “Cornamusas primitivas: Historia da Civilización” poderase visitar, de luns a venres, en horario de 9.00 a 14.00 horas, así como de 16.00 a 20.00 horas. Os sábados estará disponible entre as 10.00 e as 14.00 horas. Estará disponible ata o 31 de decembro.