Cultura

Exposición "A Galicia inédita. Unha ollada diferente do fotoxornalismo galego"

Luis Menor, participou na inauguración desta mostra organizada pola Asociación de Periodistas de Galicia e o Colectivo Profesional de Fotoxornalistas de Galicia.

Óscar Gómez

Ourense | 09.07.2024 08:00

Exposición "A Galicia inédita. Unha ollada diferente do fotoxornalismo galego"
Exposición "A Galicia inédita. Unha ollada diferente do fotoxornalismo galego" | onda cero

O Centro Cultural Marcos Valcárcel acolleu a inauguración da exposición fotográfica “A Galicia inédita. Unha ollada diferente do fotoxornalismo galego”, organizada pola Asociación de Periodistas de Galicia e o Colectivo Profesional de Fotoxornalistas de Galicia.

Luis Menor afirmou que “estamos ante unha mostra sen precedentes en Galicia, xa que reúne a gran parte dos fotoxornalistas en activo de toda Galicia, e a outros tantos xornalistas, por suposto cun protagonismo destacado para aqueles que captan cos seus obxectivos o que pasa cada día en Ourense”.

“Recibimos con gran satisfacción esta exposición, que plasma á perfección aquela idea inicial da Asociación de Periodistas de Galicia e do Colectivo Profesional de Fotoxornalistas de Galicia, e que hoxe é unha realidade que os ourensáns podemos admirar durante todo o mes de xullo”, engadiu Menor, quen manifestou que “desde a Deputación estamos encantados de contribuir a visibilizar o traballo do fotoxornalismo e do xornalismo, claves da nosa actualidade”.

Pola súa banda, María Méndez, presidenta da APG agradeceu ao presidente da Deputación que abrira as portas da súa institución e do Centro Marcos Valcárcel a esta iniciativa, o que “permitirá aos ourensáns viaxar polas paisaxes, personaxes e acontecementos aos que nos levan estas 73 magníficas instantáneas, aderezadas polas achegas literarias dos xornalistas”.

O comisario da mostra, Fernando Blanco, salientou o esforzo realizado, tanto polo seu colectivo de fotoxornalistas, como pola APG, para levar a bo porto este proxecto que agora se achega ás principais cidades de Galicia, agradecendo especialmente á Deputación de Ourense o seu apoio para que os habitantes desa cidade e desa provincia poidan agora desfrutar da mostra.