Igualdade

Exposición a vocación científica e tecnolóxica entre o alumnado feminino

“As mulleres que nos levaron á lúa”, que poderá verse ata o 5 de novembro no Centro Cultural Marcos Valcárcel antes de iniciar o seu periplo itinerante.

Óscar Gómez

Ourense | 29.10.2021 08:15

Exposición a vocación científica e tecnolóxica entre o alumnado feminino
Exposición a vocación científica e tecnolóxica entre o alumnado feminino | onda cero

”As mulleres que nos levaron á lúa” é o título dunha exposición coa que a Universidade de Vigo e a Deputación de Ourense pretenden impulsar ás vocacións científicas e tecnolóxicas entre o alumnado feminino, poñendo de relevo o traballo das mulleres que hai cincuenta anos foron claves para o éxito da misión do Apolo XI e a chegada da primeira persoa á lúa. A mostra foi presentada esta mañá no Centro Cultural Marcos Valcárcel coa presenza do vicepresidente da Deputación, César Fernández; a deputada de Igualdade, Luz Doporto; e as promotoras desta iniciativa: Nieves Lorenzo e Inés Álvarez, profesoras da Universidade de Vigo, Encina Calvo da Universidade de Santiago de Compostela, e a ilustradora da mostra Manuela Elizabeth Rodríguez “MeliMolita”.

César Fernández puxo en valor “a innegable presenza activa da muller na historia da ciencia, pero que cómpre visibilizala”, sinalando que precisamente o mes de novembro, que está a piques de comezar, “é moi simbólico e significativo en tanto que invisibilidade da muller tamén pode interpretarse como un xeito de violencia”. Luz Doporto destacou pola súa banda o perfecto encaixe “que este proxecto ten no traballo que a Deputación de Ourense vén realizando a prol da igualdade, obxectivo que só se alcanzará desde a educación como sempre defendemos”.

Nieves Lorenzo explicou que a idea desta exposición ten como punto de partida a inquedanza do profesorado universitario pola escasa presenza de mulleres nos graos científicos e tecnolóxicos e a falta de referentes femininos nestas disciplinas, así como polo éxito doutra mostra, “Mulleres na Ciencia”, organizada polas promotoras desta nova iniciativa trala declaración, por parte da ONU, do 11 de febreiro como o Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia. Na actualidade, dixo, “unha de cada cinco persoas que traballan na industria aeroespacial son mulleres, das que só o 15 % cursan estas titulacións, cando esta enxeñaría, xunto coa de informática, son profesións de futuro nos ámbitos tecnolóxicos e da innovación que, ademais, poden estudarse no campus ourensán.”.

“As mulleres que nos levaron á lúa” consta de doce paneis, con textos e ilustracións, nos que se recolle a biografía e logros do equipo de enxeñeiras, matemáticas, físicas e informáticas que tiñan como misión vixiar e preparar os cálculos de traxectoria, programación dos ordenadores e mesmo a alimentación dos astronautas que viaxaron ao espazo no Apolo XI.

A mostra permanecerá exposta no Centro Cultural Marcos Valcárcel ata o 5 de novembro, para despois iniciar o seu periplo itinerante polos centros educativos da provincia, atendendo todas as solicitudes que se rexistren a través do sitio exxperimentaenfeminino.uvigo.gal