Trátase dunha cita vencellada a un dos sectores comerciais de maior peso na nosa contorna, o da automoción, no que se reunirán máis de 400 coches con ofertas moi especiais. O obxectivo desta cita é cubrir todas as gamas e modelos para adaptarse ás necesidades e preferencias dos clientes ao mellor prezo. O público poderá consultar nun mesmo espazo distintas opcións de coches de oportunidade no mercado ourensán, e comparar in situ antes de decidir a compra.
Esta sexta edición foi presentada esta mañá en Expourense nun acto no que interviron a xefa territorial da Consellería de Economía, Alicia López; o director xerente de Expourense, Rogelio Martínez, e o presidente de ACAUTO, Ramón Seijas que estivo acompañado por boa parte da directiva da Asociación.
A oferta presentada neste salón será ampla puidendo atoparse kilómetro cero, seminovos, de xerencia e segunda man. Na actualidade, no mercado de ocasión a franxa de idade máis demandada e vendida son os vehículos de entre 3 e 7 anos e serán estes os que máis fácil será atopar nesta edición.Os datos indican que en Galicia por cada coche novo véndense dous de ocasión, incluíndo tamén as compras entre particulares. Isto provoca que haxa cada vez maior demanda e menor oferta, polo que acudir a este salón convértese nunha boa oportunidade para os que anden a busca dun vehículo deste tipo. Por outro lado, este salón é unha boa ocasión para rexuvenecer o parque automobilístico galego (dos máis antigos de España) que ten agora unha idade media de 14 anos.
O VI Car Outlet de Ourense presenta a mellor oferta en Galicia en vehículos de ocasión, seminovos, xerencia e kilómetro cero que contan con inmellorables condicións, xa non só no prezo, senón tamén de financiamento, seguros ou outros servizos engadidos, e, por suposto, coa garantía e solvencia que ofrecen os concesionarios oficiais. Ademais, este tipo de vehículos véndense con entrega inmediata.
O VI Car Outlet ofrece 400 vehículos que representan os catro eixos do mercado de ocasión: os kilómetro cero (novos que se venden así por obxectivos comerciais que indica o fabricante); vehículos de servizo (demostración ou cortesía) con antigüidade de ata 1 ano e con 15.000 kilómetros de media; seminovos (ata 5 anos de froito de renting empresarial ou operacións financeiras con garantía de recompra); e o de ocasión (que foi empregado por un particular e entregado no concesionario a cambio doutro).
Polo que respecta á compra dun vehículo de segunda man, dende A.C.A.U.T.O. recomendan acudir sempre a profesionais porque estes ofrecen unhas garantías inexistentes nas transaccións entre particulares xa que, por lei, hai que ofrecer un ano de garantía total, sendo moitas as empresas que extenden esta garantía ata dous anos ou máis, no caso dos seminovos (de 0 a 5 anos). As garantías ofrecidas aos coches mercados neste salón son moi semellantes ás dos coches novos xa que “as marcas están a traballar moito por profesionalizar o mercado de ocasión e xa case todas teñen a súa propia división de vehículos de ocasión”, explican. Outra vantaxe é a xestión da documentación do proceso de compra-venda, da que se encarga a empresa.
O horario de apertura do salón será venres 12 de abril de 11.00 a 20.30 h., sábado 13 de 10.00 a 20.30 h. e o domingo 14 de abril de 11.00 a 20.00 h. A entrada terá un custo de 3 euros, sendo gratuíta para os menores de 12 anos.
Para facilitar a elección do vehículo, o salón conta con Servizo de Ludoteca Gratuíto que terá o seguinte horario: venres 12 de 17.00 a 20.30 h.; sábado de 12.00 a 14.00 e de 17.00 a 20.30 h. e domingo de 12.00 a 14.00 h. e de 16.30 a 20.00 h.
Marcas participantes VI Car Outlet:
ABARTH
AUDI
BMW
CITROËN
CUPRA
DACIA
FIAT
FORD
HYUNDAI
JEEP
KIA
MAZDA
MERCEDES BENZ
MG
NISSAN
OPEL
PEUGEOT
PORSCHE
RENAULT
SEAT
SKODA
TOYOTA
VOLKSWAGEN
VOLVO