O Salón do Vehículo Clásico chegou para quedarse no calendario da feira Expourense. Os bos datos de participación e a satisfacción obtida por expositores e visitantes xa nos levan a pensar na segunda edición que se celebraría a principios da primavera de 2024. A falta de datos de entradas de última hora esta tarde, a organización calcula que este primeira edición recibiu ao longo da fin de semana preto de 3.000 visitas, principalmente de Galicia e Portugal.
Tanto onte como hoxe, os visitantes mostraron a súa satisfacción tras ver a exposición e víronse sorprendidos tanto pola gran cantidade e calidade dos coches expostos como polos produtos e servizos que ofrecen as trinta empresas que participaron como expositoras. Tamén cabe destacar o éxito do Parking reservado para clásicos particulares que entraron no recinto no seu propio vehículo. En total, durante os dous días estiveron expostos neste aparcadoiro máis de 100 vehículos.
Con esta nova cita, Ourense xa conta coa súa propia feira de clásicos e o seu punto de encontro na provincia para o gran número de afeccionados ao motor. Organizada por Expourense, esta primeira edición do Salón do Vehículo Clásico contou co apoio da Deputación de Ourense.
Con este espectáculo, Expourense conclúe a súa actividade feiral no primeiro semestre de 2023. O próximo será do 4 ao 6 de outubro coa celebración de Termatalia Uruguay no país americano.