Premio

“EXXperimenta en feminino” premio Clara Campoamor

O xurado do XVI Premio Clara Campoamor á igualdade de oportunidades que outorga o Concello de Ourense acordou esta mañá por unanimidade concederlle o galardón ao grupo de profesoras “EXXperimenta en feminino”.

Óscar Gómez

Ourense | 22.02.2022 09:27

“EXXperimenta en feminino” premio Clara Campoamor
“EXXperimenta en feminino” premio Clara Campoamor | onda cero

O colectivo, formado por docentes da Facultade de Ciencias, da Escola de Enfermaría, da Escola Superior de Enxeñaría Informática e da Escola de Enxeñaría Aeronaútica e do Espazo do Campus de Ourense da Universidade de Vigo, recibe o premio “pola promoción, visibilización e posta en valor de referentes femininos nas ciencias, as tecnoloxías, as enxeñerías e as matemáticas (STEM), pola divulgación a través de exposicións (como a recentemente celebrada EXXperimenta en femenino), das aportacións das mulleres a estas ciencias, servindo de modelo e concienciando á mocidade sobre a necesidade de contribuír, homes e mulleres en igualdade, ao desenvolvemento científico e tecnolóxico da nosa sociedade _explica o xurado na acta da reunión_. Finalmente, porque cos seus traballos divulgativos contribúen a romper estereotipos de xénero nas titulacións universitarias, en especial nas STEM, hiperrepresentadas por homes”.

O xurado reuniuse esta mañá nas dependencias do CIMM, e estivo formado por Eugenia Díaz Abella, concelleira de Igualdade, Mª Elena De Jesús Rodríguez, directora do CIMM, María Cabanelas Álvarez, en representación do Consello Municipal da Igualdade de Oportunidades entre Mulleres e Homes, Ana Belén Yáñez Fernández, en representación da Comisión de Investigación e Seguemento da violencia exercida contra as mulleres, Rosa María Díaz Naya, en representación do ámbito sociocultural e Mª Jesús Vázquez Fernández, xefa de negociado da Concellaría, que actuou como secretaria.

Desde a Concellaría de Igualdade creouse en 2006 o Premio Clara Campoamor para pór en valor o traballo que diversos colectivos, organismos ou persoas, preferentemente do noso municipio, levan a cabo de maneira exemplar e concienciada no ámbito da (des)igualdade de xénero. É unha forma de incentivar e reforzar o traballo que nesta liña vénse desenvolvendo desde distintos ámbitos (profesionais, asociativos, laborais, de movementos sociais de base, sanitarios, etc.); un traballo que, á súa vez, crea referentes e modelos nos seus sectores pero tamén entre a cidadanía, constituíndo, en definitiva, un conxunto de boas prácticas en materia de equidade de xénero e loita contra as violencias de xénero.

O premio entrégase o día 9 de marzo, o seguinte ao Día Internacional das Mulleres (8 de marzo), conmemoración que nos vén a lembrar que a igualdade real e efectiva entre mulleres e homes aínda é un anhelado obxectivo por alcanzar.