Politica Social

Fabiola García pon en valor os Campamentos de verán

Leváronse a cabo campamentos en 35 espazos diferentes, campos de voluntariado en 40 localizacións, estadías en 13 aloxamentos turísticos a través dos minicampamentos ‘Coñece Galicia’ ou cinco intercambios con outras comunidades

Óscar Gómez

Ourense | 02.09.2021 08:04

Fabiola García pon en valor os Campamentos de verán
Fabiola García pon en valor os Campamentos de verán | onda cero

A conselleira de Política Social, Fabiola García, puxo en valor “os grandes recordos, experiencias e amizades” que a mocidade galega obtivo nos campamentos de verán do 2021. Fíxoo esta mañá nunha rolda de prensa na Estación de Montaña de Manzaneda na que realizou un balance das actividades postas en marcha ao abeiro da campaña de verán da Xunta de Galicia.

A conselleira salientou que “despois dun ano cheo de incertezas e de malas noticias, a mocidade puido vivir por fin un verán inesquecible, cheos de bos momentos e lembranzas”. Nesta edición o Goberno galego puxo á disposición das mozas e mozos de entre 9 e 30 anos todo tipo de actividades que ofertaron 7800 prazas, mil máis que o ano pasado.

Leváronse a cabo campamentos en 35 espazos diferentes da nosa comunidade; campos de voluntariado en 40 localizacións; estadías en 13 aloxamentos turísticos da comunidade a través dos minicampamentos ‘Coñece Galicia’ ou cinco intercambios con outras comunidades, que se puideron recuperar este ano logo de suspendelos na pasada edición pola situación epidemiolóxica.

Fabiola García en Manzaneda
Fabiola García en Manzaneda | onda cero

Preto de 200 quendas

Fabiola García sinalou que se celebraron preto de 200 quendas e realizáronse máis de 1200 contratos a profesionais do tempo libre. Así mesmo, destacou que na campaña ‘O verán que mereces’ foi chave a experiencia adquirida o ano pasado, cando Galicia foi das poucas comunidades que mantivo os campamentos. De novo foi fundamental a correcta aplicación do protocolo establecido pola Xunta, que foi actualizado e adaptado á situación epidemiolóxica.

Entre algunhas medidas contempladas destaca a redución do aforo nas instalacións, a formación de grupos pequenos de actividades e a realización de teste antíxenos, un á entrado no campamento e outro á metade da quenda.