Cultura

A Falcultade de Historia pon en valor o patrimonio ourensán

O decano de Historia, Julio Prada agradeceu “o imprescindible apoio da Deputación” nun programa que ten unha tripla dimensión: investigación, estudo e innovación docente e traballo en valores co alumnado.

Óscar Gómez

Ourense | 28.09.2022 10:44

A Falcultade de Historia pon en valor o patrimonio ourensán
A Falcultade de Historia pon en valor o patrimonio ourensán | onda cero

A Deputación de Ourense colabora coa Facultade de Historia do campus na o desenvolvemento dun programa de promoción e difusión do patrimonio cultural e natural da provincia, que se centrará nos ámbitos da investigación, o estudo e innovación docente e o traballo en valores co alumnado. Esta iniciativa, aberta tamén a toda sociedade ourensá, foi presentada esta mañá no Pazo Provincial coa presenza do vicepresidente primeiro da Deputación, Rosendo Fernández, e o decano da Facultade de Historia, Julio Prada.

Rosendo Fernández enmarcou este programa no importante grao de colaboración entre a Deputación e a Universidade de Vigo, máis en concreto co campus de Ourense, “nunha relación interinstitucional que tamén se reflicte no consello reitor do Inorde, do que sempre forma parte o vicereitorado do campus”.

O vicepresidente do goberno provincial destacou que “son moi poucas as provincias de España que poden superar a riqueza en patrimonio cultural e natural de Ourense”, razón suficiente para “contribuír a potenciar o coñecemento, a investigación e a posta en valor social da nosa historia, arte, paisaxe e patrimonio cultural, colaborando coa Facultade de Historia na promoción e difusión destes ricos recursos”.

Para Rosendo Fernández, esta iniciativa “é toda unha aposta estratéxica, convencidos de que o futuro da provincia pasa por aproveitar ao máximo as nosas potencialidades, e tamén integral xa que se persegue a participación de todos os sectores implicados, en tanto non se pode concibir a xestión empresarial destes recursos sen profesionais que difundan o seu valor”.

Tres liñas de traballo

Julio Prada agradeceu pola súa banda “o imprescindible apoio da Deputación” nun programa dos que explicou a súa tripla dimensión. Así, un dos primeiros obxectivos a conseguir “é visibilizar o labor de investigación e divulgación que realizan os docentes da facultade”, cunha xornada a desenvolver o 7 de outubro en Santo Estevo de Rivas de Sil e na que se abordarán temas como o patrimonio incómodo, a arte na paisaxe, a renovación arquitectónica ou as vilas medievais, entre outros.

En segundo lugar, os días 13 e 14 de outubro está prevista a celebración das Xornadas de Historia Contemporánea e do Tempo Presente, que cun enfoque máis histórico estarán dedicadas á reflexión sobre as luces e sombras da transición española. Un encontro que esperta gran interese noutros puntos de España e mesmo en Europa e América Latina, dado que con posterioridade se difunde a través dunha canle en internet.

“Só se pode respectar aquilo que se valora, e só se valora aquilo que se coñece”, dixo Julio Prada para explicar outra das accións previstas, con dúas actividades paralelas. Por unha banda as Xornadas de Innovación Docente, con novos medios de traballo e de ensino da xeografía, da historia e da arte, a celebrar tamén en formato online dos días 20 e 21 de outubro. Estas xornadas mestúranse con saídas do alumnado, e abertas ao público en xeral, para fomentar o respecto ao patrimonio promovendo valores como a tolerancia e a diversidade. Santo Estevo de Ribas de Sil, San Pedro de Rocas, Castro Caldelas, Beade e a Serra da Enciña da Lastra serán os destinos destas visitas.