Cultura

Fallen Leaves, de Aki Kaurismäki, Calpurnia á Mellor Película no 28º OUFF

Sobre o encontro en Helsinki entre unha traballadora de supermercado e un home alcohólico ciméntase a última película do director finés Aki Kaurismäki, que asina co seu máis puro estilo unha nova comedia dramática.

Óscar Gómez

Ourense | 06.10.2023 07:57

Fallen Leaves, de Aki Kaurismäki, Calpurnia á Mellor Película no 28º OUFF
Fallen Leaves, de Aki Kaurismäki, Calpurnia á Mellor Película no 28º OUFF | onda cero

O xurado internacional do OUFF (Ourense Film Festival) anunciou esta mañá os gañadores da Sección Oficial Internacional. “Tuvimos grandes debates y vimos grandes películas, pero estamos muy contentas con el resultado”, declarou Estrella Araiza, presidenta do xurado. A Calpurnia á Mellor Película, o premio grande do festival, foi para Fallen Leaves, de Aki Kaurismäki. La Memoria Infinita, de Maite Alberdi premiouse cos galardóns de Premio Carlos Velo á mellor Dirección e o Premio Especial do Xurado.

Sobre o encontro en Helsinki entre unha traballadora de supermercado e un home alcohólico ciméntase a última película do director finés -e veciño a metade do ano de Castro Laboreiro (Portugal)- Aki Kaurismäki, que asina co seu máis puro estilo unha nova comedia dramática. Este filme levou a Calpurnia á Mellor Película.

La Memoria Infinita, de Maite Alberdi, é un dos catro documentais da Sección Oficial Internacional, destacada polo xurado cos galardóns de Premio Carlos Velo á mellor Dirección e o Premio Especial do Xurado. Un documental ao redor do alzheimer que consagra a Alberdi como unha das cineastas documentais máis interesantes e sensibles do momento no ámbito internacional, tras o éxito acadado hai tres anos por El agente topo.

O Premio a Mellor Guion foi para Fancy Dance (Erica Tremblay e Miciana Alise) «pola particular ollada a unha situación social e persoal entretecendo identidade, resistencia e amor», segundo consta na acta do xurado. Un filme ao redor dun nativo americano que secuestra a súa neta co obxectivo de manter o legado cultural e familiar. Esta é a primeira longa de ficción de Tremblay, realizada co apoio da Cherokee Nation, a máis grande das tres tribús nativas recoñecidas nos Estados Unidos. A actriz Lily Gladstone foi recoñecida co Premio á Mellor Interpretación por este filme, que comparte con unha mención especial para Lío Mehiel, por Mutt.

Nesta categoría, Mellor Guion, Celine Song, recibe unha mención especial polo seu debut Past Lives. Recoñecida no ámbito teatral estadounidense, Song asina a súa primera longametraxe sobre o reencontro de dous amigos da infancia cando son adultos.

O xurado tamén acordou otorgar unha mención especial á Mellor Fotografía a Ernesto Pardo por El Eco «por rexistrar con sensibilidade o cotiá dunha vila no México profundo».

A Calpurnia á Mellor película está dotada con 12.000 euros e trofeo (de Manuel Buciños); ademais, os premios OUFF Carlos Velo á mellor dirección, está dotado con 4.000 euros, OUFF Especial do Xurado, con 3.000 euros, e OUFF á mellor interpretación e mellor guión, dotados tamén con 3.000 euros cada un deles.