Feira do Viño

A Feira do Viño do Ribeiro reunirá a 35 adegueiros e colleiteiros na súa 60 edición

A feira contará coa presenza de recoñecidos cociñeiros; catas comentadas; zona gastronómica; música en directo; área infantil; e mesmo visitas guiadas á Ribadavia e comarca.

Óscar Gómez

Ourense | 21.04.2023 08:13

A Feira do Viño do Ribeiro reunirá a 35 adegueiros e colleiteiros na súa 60 edición
A Feira do Viño do Ribeiro reunirá a 35 adegueiros e colleiteiros na súa 60 edición | onda cero

A Alameda de Ribadavia acollerá do 28 ao 30 de abril a 35 adegueiros e colleiteiros na tradicional Feira do Viño do Ribeiro, que este ano celebra seis décadas de historia como a cita vitivinícola máis antiga de Galicia e declarada como Ben de Interese Turístico Galego. O redeseño do cartel da primeira edición, a elección como pregoeiro dun dos fundadores da feira -Juan Antonio Bande “Juanan”-; a presenza dun dos mellores sumilleres do mundo, Pitu Roca; e a recuperación trala pandemia dos obradoiros de cociña con recoñecidos chefs marcan esta nova edición.

“Chegar ata a 60 edición nunha feira senlleira en Galicia é para sentirse orgullosos”, afirmou César Fernández, que felicitou ao Concello de Ribadavia pola elección dun pregoeiro “co que se recoñece a eses primeiros artífices dunha feira que exalta a alma do territorio, alma que se esconde en cada copa de viño”.

O vicepresidente, seguro do éxito da presente edición, apuntou que a colaboración da Deputación de Ourense con este tipo de actividades “ten que ser un exemplo de cooperación institucional cunha denominación que leva moitos anos facendo moi ben as cousas no sector do viño na comarca”.

Boas expectativas de público

Noelia Rodríguez, que agradeceu o apoio da Deputación, afirmou que as previsións de asistencia de público “están a ser moi boas, coa lóxica expectación que esperta a presenza estrela do sumiller Pitu Roca”. A alcaldesa puxo énfase en dúas iniciativas que recuperan a historia da feira: o redeseño que o ribadaviense Francisco Sánchez fixo do cartel da primeira edición e participación destacada do pregoeiro, “unha persoas moi querida, moi activa e cunha gran traxectoria cultural, con historia en cada conversa”.

Juan Casares subliñou pola súa banda que “esta cita é algo máis que unha feira”, xa que ten a súa pegada tanto no consello regulador como na Ruta do Viño do Ribeiro. Para Casares é todo un acerto por parte do concello programar “unha cata dirixida por Pitu Roca desa xoia enolóxica que temos que se chama tostado”.

O presidente da denominación de orixe sostivo que a feira contribúe a cumprir os obxectivos marcados tanto desde o consello como desde a ruta: Recuperar a terra produtiva e potenciar a enocomarca do Ribeiro, un territorio histórico como destino de calidade e desestacionalizado”.

Agradecido polas palabras dos presentes cara súa persoa, Juan Antonio Bande “Juanan” expresou a súa satisfacción polo feito de que “algo do que eu fun partícipe siga tendo vida despois de sesenta anos, por iso cada edición é unha tremenda ledicia para min”. “Juanan” foi un dos cinco creadores desta feira vitivinícola que se estreou en 1964 pero que non tivo pregoeiro ata a sétima edición, sendo o primeiro en realizar esta tarefa o novelista e gastrónomo Álvaro Cunqueiro.

Catas, obradoiros de cociña, música e visitas guiadas

Nesta LX edición da Feira do Viño do Ribeiro os obradoiros de cociña contarán coa presenza de destacados cociñeiros, como Miguel González e Javier Olleros, ambos con Estrelas Michelín, e Marcos Blanco. Non faltarán as catas comentadas, coa participación de Susana Barros e Mariña Fernández do grupo Abastos, así como unha zona gastronómica con pulpeiras e Food Trucks; música en directo con Sr. Jingles, Nastasia Zürcher, Cora Velasco e o grupo Soul & Roll; e para facilitar a conciliación unha área infantil que incluirá o Festivaliño “On the Road”.

O público que se achegue á feira tamén terá a posibilidade de coñecer o patrimonio de Ribadavia e da comarca a través dun autobús turístico que inclúe a entrada ao Museo do Viño de Galicia.