O presidente do Inorde e vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández, estivo en Lobios, xunto á alcaldesa de dito municipio, María del Carmen Yáñez, na saída da última etapa da proba ciclista “Xurés Bike Tour”, enmarcada no proxecto europeo Fronteira Esquecida Río Limia – Lima que se celebrou desde o 18 ao 20 de xuño na Serra do Xurés. En dita saída, Rosendo Fernández fíxolle entrega a Óscar Pereiro, dunha placa conmemorativa polo 15º aniversario da súa vitoria no Tour de Francia.
A proba disputouse ao longo de tres días na contorna de Muíños e Lobios, así como en diferentes puntos do territorio portugués como Torem, Pitoes das Junias ou Portela do Homem, dándose cita máis de 200 participantes procedentes de 14 provincias que afrontaron tres etapas ata sumar preto de 120 quilómetros, cumprindo o estrito protocolo sanitario esixido.
O presidente do Inorde e vicepresidente da Deputación de Ourense participou tamén na entrega de premios aos gañadores da proba que foron: na categoría masculina, Antonio Rodríguez Rivas, e na categoría por parellas, Ángel Romar Tajes e Uxío Canosa Canosa.
Antonio Rodríguez Rivas, gañador da proba, compartiu podio con Carlos Gómez Lorenzo, segunda da clasificación, e con José Comesaña Rodríguez, que acadou o terceiro posto. Na clasificación por parellas foron os campións Ángel Romar Tajes e Uxío Canosa Canosa, de Oeapower. O segundo lugar correspondeulle a José Carlos Sanmiguel Pérez e David González González, do Ourense Termal 1. E, por último, no terceiro posto, estiveron Gonzalo Rabuñal Ríos e Javier Cao Costosa, do GreenKeepers Jardinería Arce.
A “Xurés Bike Tour” comezou o venres, 18 de xuño, e disputouse ao longo de tres etapas. As dúas primeiras tiveron como escenario o municipio de Muíños, mentres que a terceira contou coa saída e a chegada da proba na área termal de Lobios. A etapa inicial, o prólogo, foi de 10 quilómetros, mentres que o sábado, 19 de xuño, disputouse a etapa máis longa que consistía en cumprir os 70 quilómetros. O domingo, a proba trasladou a súa saída e chegada á área termal de Lobios.
A "Xurés Bike Tour" enmárcase nas actividades previstas dentro do proxecto Fronteira Esquecida que está cofinanciado ao 75% polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER), dentro do Programa Interreg V A España-Portugal (POCTEP) 2014-2020.