Galicia

Formoso comprende que Alfonso Rueda se declare "asutado" pola herdanza que vai recibir

O líder dos socialistas galegos subliña que o PSdeG fiscalizará a acción do próximo goberno, pero tamén tende a man ao acordo “nos asuntos de país claves e estratéxicos”

Óscar Gómez

Ourense | 25.04.2022 08:20

Formoso comprende que Alfonso Rueda se declare "asutado" pola herdanza que vai recibir
Formoso comprende que Alfonso Rueda se declare "asutado" pola herdanza que vai recibir | onda cero

O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, dixo comprender que Alfonso Rueda se considere “asustado” ante as súas próximas responsabilidades como presidente da Xunta de Galicia, “tendo en conta a nefasta herdanza que vai recibir e da que el é copartícipe”. “Entendo que se declare asustado”, afirmou, “xa que nace co estigma de non ser escollido polos galegos e as galegas como presidente, senón polo clan dos Baltar e tres máis nunha mesa camilla”.

Ademais, como mostra desa herdanza, Valentín González Formoso lembrou que Alfonso Rueda asumirá o goberno dun país no que “vive moita menos xente e no que emigran máis mozos e mozas que cando eles chegaron ao goberno”. O balance destes 13 anos, remarcou, tamén deixa “138 colexios menos abertos” ou un servizo de atención primaria “nefasto e practicamente reducido a un número de atención telefónica”, así como “un país moito máis endebedado e con máis paro que cando eles chegaron ao goberno”.

Formoso tamén tende a man nos asuntos de país que son claves

Fronte a esta situación, Valentín González Formoso sinalou que o PSdeG vai fiscalizar a acción de goberno do próximo presidente da Xunta, pero “tamén tende a man nos asuntos de país que son claves e claramente imprescindibles e estratéxicos neste momento tan duro para a socio-economía de Galicia”.

Formoso realizou estas declaracións na Peroxa, onde esta mañá o PSdeG celebrou ConMemora, a primeira xuntanza provincial dos socialista de Ourense. O acto provincial de memoria histórica dos socialistas ourensáns coincide coa data da voda dos pais de Pablo Iglesias, ambos os dous nados na Peroxa.

O secretario provincial dos socialistas ourensáns, Rafa Villarino, explicou que o encontro ten como obxectivo poñer de relevo os valores do partido socialista e proxectar un partido que “é a solución e a alternativa para esta provincia cando xa estamos en camiño cara as municipais”.