Verán

Gabriel Alén destaca as ofertas de campamentos de verán

O delegado territorial explicou que a campaña de verán deste ano ten como lema ‘O verán que sempre vas lembrar’ e conta na provincia de Ourense cun total de 1425 prazas ofertadas entre campamentos, campos de voluntariado e outras actividades.

Óscar Gómez

Ourense | 28.04.2023 08:06

Gabriel Alén destaca as ofertas de campamentos de verán
Gabriel Alén destaca as ofertas de campamentos de verán | onda cero

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, visitou as instalacións do campo de voluntariado Sapere Aude, onde lembrou que dende o 18 de abril está aberto o prazo de solicitude de praza tanto nos campamentos como nos campos de voluntariado en Galicia da Campaña de Verán de 2023. No caso do programa de campamentos, o prazo de presentación de solicitudes remata o vindeiro día 2 de maio. O delegado territorial aclarou que as bases que regulan a oferta de prazas nos campos de voluntariado poden consultarse na páxina web http://xuventude.xunta.es/accion-de-veran

Gabriel Alén explicou que a campaña de verán deste ano ten como lema ‘O verán que sempre vas lembrar’ e conta na provincia de Ourense cun total de 1425 prazas entre campamentos, campos de voluntariado e outras actividades. Desta oferta, 165 prazas correspóndense con 11 campos de voluntariado para mozos e mozas de 18 a 30 anos. Esta edición conta con dous de nova creación Allariz – Vilar de Santos e Viana do Bolo.

Significou tamén o delegado territorial as 1260 prazas destinadas a campamentos nos 10 emprazamentos provinciais dirixidos a rapaces e rapazas de 9 a 17 anos.

En Galicia, fan un total de 11.200 prazas para mozas e mozos entre os 9 e os 30 anos de idade en campamentos, campos de voluntariado (en Galicia, noutras Comunidades Autónomas e no estranxeiro), minicampamentos e outras propostas. En total, a Xunta pon a disposición da xente nova 36 instalacións para o desenvolvemento dos campamentos e 46 campos de voluntariado, incluídas as cinco quendas das Cíes.

As solicitudes para os campamentos e os campos de voluntariado presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos, ben a través da sede electrónica da Xunta de Galicia para o caso dos campamentos, ou ben mediante formulario en liña na páxina de Xuventude no segundo caso. A programación estival complétase coa proposta ‘Coñece Galicia’ en establecementos turísticos da Comunidade Autónoma, que se dará a coñecer en vindeiras datas.

Campamentos de verán destinados ás persoas con discapacidade

Gabriel Alén quixo recordar tamén que a Xunta de Galicia ten aberto o prazo para a inscrición nos campamentos de verán destinados ás persoas con discapacidade. Ofértanse 250 prazas nun total de 14 quendas en tres emprazamentos diferentes: no Albergue Xuvenil de Gandarío, e nas Residencias de Tempo Libre de Panxón (Nigrán) e O Carbaliño.

Poden solicitar praza nos campamentos que teñan recoñecida a condición de persoa con discapacidade, cunha idade comprendida entre os 11 e os 50 anos e presentan calquera tipo de limitación ou necesidade especial. O prazo está aberto ata o día 2 de maio. Os campamentos contan con aloxamento, manutención, un programa de actividades de animación sociocultural, material necesario para as actividades, equipo técnico de persoal especializado e atención sanitaria.

Requisitos

Os requisitos para solicitar praza son: ter recoñecida unha porcentaxe de discapacidade igual ou superior ao 33%, ter unha idade comprendida de entre os 11 e os 50 anos, estar empadroado nalgún concello de Galicia; ou non padecer trastornos que poidan alterar a convivencia durante o transcurso da actividade, entre outros. Toda a información pode consultarse nesta ligazón.

As solicitudes, acompañadas do informe médico, presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia,, dirixíndoas á Dirección Xeral de Persoas con Discapacidade da Consellería de Política Social e Xuventude e indicando no asunto relacionado “CAMPAMENTOS DISCAPACIDADE 2023”.

Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario/a e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/tramites-e-servizos/chave365). Opcionalmente, poderanse presentar presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa.