Ourense Provincia

Gabriel Alén resalta as axudas da Xunta para creación de emprego femenino

O delegado territorial destacou que na provincia de Ourense beneficiáronse un total de 47 establecementos, que supuxo unha achega total de 608.000 euros e a consolidación de 96 empregos.

Óscar Gómez

Ourense | 21.11.2023 08:01

Gabriel Alén resalta as axudas da Xunta para creación de emprego femenino
Gabriel Alén resalta as axudas da Xunta para creación de emprego femenino | onda cero

Gabriel Alén subliñou que “apoiar o empoderamento económico e social das mulleres fomentando o emprego feminino liderado por elas mesmas é un dos piares irrenunciables sobre os que se asenta a actuación da Xunta, no marco da igualdade de oportunidades”; e animou ás interesadas a seguir traballando para crear entre todos unha Galicia máis igualitaria na que as mulleres tamén teñan o seu espazo para liderar empresas.

O representante do Goberno galego sinalou que, con respecto ás axudas de fomento do emprendemento feminino, en 2023 investíronse máis de 4,8 millóns de euros en 362 axudas. Con estes apoios poderán, ademais, crearse e consolidarse 800 empregos femininos. Deste xeito, resaltou Gabriel Alén, esta iniciativa conta en Galicia con 27 anos de traxectoria. Coa convocatoria deste ano, desde 2009, o Goberno galego leva investidos máis de 23 millóns de euros no programa, permitindo a concesión de máis de 1.800 axudas para apoiar proxectos empresariais femininos que permitiron crear máis de 2.400 postos novos e o mantemento de case 1.100 preexistentes.

O Programa

O programa comprende axudas dirixidas a apoiar a posta en marcha, a mellora e a activación de iniciativas empresariais constituídas por mulleres. Tamén medidas complementarias para favorecer a conciliación da vida persoal, familiar e laboral, así como o acceso a servizos específicos de información, asesoramento e orientación empresarial co obxecto de facilitar a implantación e consolidación dos proxectos.

Catro liñas integran o programa: Emprende, con incentivos para a posta en marcha de novas empresas por parte de mulleres desempregadas e a creación de emprego estable por conta propia e allea (211 axudas); Activa, para favorecer a reactivación e consolidación de proxectos empresariais (149); ITEF, que pon o foco no apoio a iniciativas empresariais con carácter innovador, con contido científico ou de base tecnolóxica (2); e a liña Concilia, complementaria das tres anteriores, para axudar tanto ás mulleres promotoras como as traballadoras ao seu cargo na súa conciliación.

A contía dos apoios vai dos 8.000 euros por beneficiaria aos 42.000 en función da liña solicitada e do número de postos de traballo creados ou mantidos para mulleres de carácter indefinido. A estas contías engadiríase, de ser o caso, a axuda complementaria da liña Concilia, que oscila entre os 3.000 e os 5.000 euros.

Para resultar beneficiarias desta iniciativa, as mulleres emprendedoras deben liderar unha microempresa ou pequena empresa validamente constituída e domiciliada en Galicia. Entre outros requisitos, deben manter vinculación laboral co proxecto que, á súa vez, ten que ser viable económica, técnica e financeiramente.