Turismo

Gabriel Alén subliña o valor do turismo familiar

O delegado territorial sinalou que se trata de dar a coñecer o fenómeno xacobeo desde un punto de vista lúdico, que no caso de Ourense xirará entorno ao Camiño Mozárabe ou Vía da Prata

Óscar Gómez

Ourense | 22.04.2022 08:11

Gabriel Alén subliña o valor do turismo familiar
Gabriel Alén subliña o valor do turismo familiar | onda cero

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, visitou esta mañá, o albergue Eligio Rivas de Ourense no que se desenvolverá a partir de mañá e ata o 1 de maio o Escape Room Xacobeo 21-22, que consiste en crear unha misión cuxo contido é temática é o Camiño de Santiago e a promoción do Xacobeo 21·22.

O delegado territorial sinalou que se trata dunha novidosa iniciativa que busca “fomentar o turismo familiar e dar a coñecer o fenómeno xacobeo desde un punto de vista lúdico”; e engadiu que “achegamos o Camiño á poboación infantil e ás familias fomentando o coñecemento do fenómeno xacobeo; que no caso de Ourense xirará entorno ao Camiño Mozárabe ou Vía da Prata”.

Os interesados en participar terán que facelo en grupos dun máximo de seis persoas maiores de 6 anos e contarán en todo momento cun director de xogos e un monitor. Para inscribirse só terán que enviar un correo electrónico ao enderezo lucusescaperoom@gmail.com.

Tras o seu paso polo albergue de Betanzos e o Juan Manuel López Chaves de Vigo, chega a Ourense para terminar nas fins de semana de maio no albergue de Samos e na Casa Forte de Lusío en Lugo, cun segundo Escape room de maior complexidade, atrezzo e decoración, que xa ten todas as prazas cubertas.