Gadis súmase, un ano máis, á celebración do Día das Letras Galegas. Unha data que a cadea de supermercados aproveita para achegar as nosas letras a miles de fogares en Galicia. Neste 2024, volve apostar por un formato orixinal co caderno de actividades “Flores e letras”. Unha publicación para emprender unha viaxe ao pasado da literatura galega e coñecer curiosidades dos autores e publicacións máis universais. Do pasado ao presente transitando por versos e textos a través de pasatempos, enigmas, e xogos que tamén levarán ao lector a descubrir a autores desta época.
Cun deseño moi visual e rompedor, “Flores e Letras” atrapa polo seu xeito innovador de poñer en valor a literatura galega. Ademais, trátase dun caderno moi ameno para nenos, mozos e adultos, que atoparán no seu interior un recordatorio da figura de Luísa Villalta, a autora elixida pola Real Academia Galega para render homenaxe nesta edición das Letras Galegas.
Entrega nos Gadis o 16 de maio
Gadis repartirá máis de 30.000 exemplares do caderno “Flores e Letras” ós clientes que realicen unha compra por calquera importe o vindeiro xoves 16 de maio, ata esgotar existencias, en tódolos supermercados de Galicia. “Flores e Letras” é o fío condutor de tódalas accións que a empresa levará a cabo con motivo desta conmemoración. Na mesma xornada agasallará aos seus clientes con máis de 30.000 marcapáxinas, para achegarse aos máis mozos, e tamén entregará máis de 30.000 bolsas de papel reciclado dando conta da celebración. Ademais destas iniciativas, que Gadis pon en marcha para asomarnos á lingua galega como elemento de identidade común, en vindeiras datas terá lugar unha acción especial en A Coruña, cidade natal da homenaxeada deste ano.