Literatura

Gadis edita 30.000 exemplares dun libro en galego dirixido ao público xuvenil

A compañía únese á celebración dun Día das Letras Galegas moi diferente e tardío facendo unha chiscadela aos adolescentes con “Brian, o chinés”

Óscar Gómez

Ourense |

Gadis edita 30.000 exemplares dun libro en galego dirixido ao público xuvenil | gadis

Supermercados Gadis continúa impulsando a edición de libros en lingua galega neste 2020. Nos últimos 16 anos, o apoio á literatura neste idioma traduciuse na impresión de 330.000 obras.

Este ano, a compañía súmase á conmemoración dun Día das Letras Galegas atípico cunha aproximación ao público xuvenil. Ata fin de existencias, o vindeiro sábado, 31 de outubro, regalará en todos os Supermercados Gadis de Galicia “Brian, o chinés”. En total, 30.000 exemplares dunha obra que asina David Daniel Vázquez Álvarez con ilustracións de Andrés Meixide.

Trátase dun relato propio, en primeira persoa, dun mozo con Síndrome de Down a piques de alcanzar a maioría de idade. Un diario cargado de humor e frescura, que narra dunha forma dinámica situacións da vida cotiá do protagonista desde a súa infancia. Describe con gran realismo as dificultades ás que se enfronta, como as afronta e supéraas. Unha visión introspectiva da súa propia diversidade e das persoas que lle rodean. A mirada do seu eu a través dos ollos doutros. Un libro que atrapa de principio a fin.

Desde Supermercados Gadis poñen o acento en que “Brian, o chinés” cumpre unha tripla función: apoiar a edición de libros en galego, fomentar a lectura neste idioma entre os mozos e promover a diversidade e integración.

Nestes dezaseis anos, con motivo do Día das Letras Galegas, Gadis editou libros en xéneros moi diferentes: poesía, cancioneiros populares, relatos, novela. Tamén variou o público ao que se dirixían as obras: infantil, xuvenil e adultos.

Esta faceta editorial desenvólvese no marco do programa de Responsabilidade Social Corporativa de GADISA, con máis de 2.300 accións anuais de diversa índole. O apoio á cultura nas súas múltiples manifestacións supón cerca do 40% do total das iniciativas de RSC: patrocinio do programa Cultura no camiño, cooperación con festivales como Curtocircuito, OUFF e (S8), e a colaboración cos Premios Mestre Mateo son algunhas das actuacións da compañía nesta área.