Gadis pon en marcha, por cuarto ano consecutivo, a súa campaña solidaria “Alimenta la amistad”, que recollerá produtos de alimentación e hixiene en beneficio de 69 protectoras de animais de Galicia e Castela e León. Un total de 202 Supermercados Gadis súmanse á iniciativa en favor destas entidades, que coidan aos numerosos animais que son abandonados a diario.
Modalidades de colaboración
Ata o día 10 de Outubro, os puntos de venda contarán con espazos habilitados para que os clientes poidan cooperar, se o desexan, depositando os artigos para cans e gatos. A outra modalidade de colaboración é realizando unha achega económica ao pasar por caixa. Voluntarios destas entidades reforzarán a información nos puntos de venda de Galicia e nos de Castela e León, repartidos nas provincias de Ávila, León, Salamanca, Palencia, Valladolid e Zamora.
200.000 quilos de solidariedade
Como nos tres anos anteriores, Gadis tamén realizará a súa propia doazón, que se sumará á dos clientes, que sempre mostraron a súa solidariedade e sensibilidade co benestar animal apoiando o labor destas entidades. Preto de 200.000 quilos de produtos de alimentación e hixiene reuníronse nas campañas previas, ademais da recadación económica, coa que se contribuíu a aliviar a situación que atravesan as protectoras.
Gadis, comprometida co benestar animal
Con esta nova campaña de “Alimenta la Amistad”, Gadis reafirma o seu compromiso co benestar animal no marco do seu programa de Responsabilidade Social Corporativa, aliñado cos 17 Obxectivos de Desenvolvemento Sostible fixados na Axenda 2030 das Nacións Unidas. Únese, así, á conmemoración do Día Mundial dos Animais, que se celebra cada ano o 4 de outubro, para concienciar á sociedade da importancia de respectar a todos os seres vivos do Planeta.