Gadis súmase un ano máis á campaña solidaria de “La Gran Recogida”, unha iniciativa promovida pola Federación Española de Bancos de Alimentos (FESBAL) para aliviar a situación de vulnerabilidade das familias con menos recursos e que nesta edición, baixo o lema “Comer non pode ser un luxo”, regresa ao seu formato físico.
Todos os supermercados da compañía en Galicia participan na recollida de produtos de hixiene e alimentos non perecedoiros que arrinca o 25 de novembro e prolongarase ata o 3 de decembro. A doazón poderase realizar de dúas maneiras: depositando os alimentos nas caixas habilitadas para tal efecto nos supermercados, ou ben, os clientes poderán realizar unha achega económica ao pasar por caixa no momento de abonar a compra.
Gadis anima aos seus clientes para participar en “La Gran Recogida”, que apoia desde o ano 2014. A cadea de supermercados espera superar a recadación do ano pasado para poder chegar a un maior número de persoas.
Como en edicións anteriores, todo o que se recade irá destinado aos 11 bancos de alimentos cos que a compañía colabora de maneira habitual: Rías Altas (A Coruña, Santiago e Ferrol), Ourense, Lugo, Vigo, León, Palencia, Ponferrada, Ávila, Zamora, Valladolid e Salamanca.
Estas entidades benéficas serán as encargadas de xestionar a repartición da axuda entre os colectivos cos que cooperan, co obxectivo de lograr unha distribución eficaz e equilibrada entre os menos favorecidos.
A solidariedade é un dos principais eixos do programa de Responsabilidade Social Corporativa da empresa que, ademais de colaborar estreitamente con distintas ONG, institucións e asociacións, pon en marcha as súas propias accións entre as que destaca o Maio Solidario, tamén a favor dos bancos de alimentos.