Alimentación

Gadisa Retail suma 230 Claudio franquiados

A compañía 100% galega consolida a expansión desta liña de negocio, que reforza o seu compromiso coa sustentabilidade económica, social e ambiental.

Óscar Gómez

Ourense | 25.01.2023 08:04

Gadisa Retail suma 230 Claudio franquiados
Gadisa Retail suma 230 Claudio franquiados | onda cero

GADISA retail pechou 2022 consolidando a expansión da súa liña de negocio de franquías Claudio, seguindo a tendencia dos últimos exercicios, nos que experimentou un importante desenvolvemento. O ano pasado abriu 19 novos establecementos ata alcanzar unha rede de 230 (123 Claudio e 107 Claudio Express). Detrás destes datos están o compromiso da compañía coa sustentabilidade económica, social e ambiental e a súa aposta pola proximidade. Estas aperturas supuxeron oportunidades laborais para máis de 100 persoas. A xeración de riqueza socioeconómica a través do emprego é un dos valores engadidos deste modelo, no que traballan máis de 950 profesionais.

A dinamización de áreas rurais e semiurbanas, así como prestar un servizo esencial para os cidadáns en núcleos con menor densidade de poboación é outro dos obxectivos que cumpre a compañía, principalmente, coa implantación dos supermercados Claudio. O crecemento desta cadea de franquías supón tamén un impulso aos provedores locais e á comercialización dos seus produtos de proximidade, un dos sinais de identidade de GADISA retail.

Os Claudio son puntos de venda de proximidade, situados fundamentalmente en pequenos e medianos núcleos de poboación, que poñen ao dispor dos clientes unha completa variedade de produtos, que combina marcas líderes, a marca propia IFA e os produtos locais. Ademais, ofrecen proximidade tamén no trato, con atención personalizada.

Os Claudio Express responden a un concepto de tenda rápido, cómodo e económico. Están localizados fundamentalmente en estacións de servizo cun amplo horario de atención ao público os sete días da semana. Permiten satisfacer as necesidades básicas dos consumidores en alimentación, droguería e hixiene

Presenza en Galicia, Madrid, Asturias e Castela e León

A compañía líder de distribución no Noroeste Peninsular está presente, a través do seu modelo de negocio franquiado, en Galicia, Madrid, Asturias e Castela e León. Nas catro comunidades autónomas creceu en número de puntos de venda durante o 2022. Así, das 19 incorporacións á rede comercial, catro leváronse a cabo en Castela e León (Valladolid, Arévalo (Ávila), Segovia e Palencia); dúas en Madrid (un na propia capital e outro en Valdemorillo) e outras dúas en Asturias (nas localidades de Grao e Pola de Laviana). As outras once aperturas foron en diferentes puntos de Galicia.

Un modelo consolidado

O profundo coñecemento do mercado de GADISA retail, a súa capacidade competitiva, o éxito dun modelo de negocio contrastado, o acompañamento e asesoramento técnico e comercial do equipo de profesionais, a eficacia do sistema loxístico e o acceso a un gran surtido de produtos son factores determinantes para que empresarios e emprendedores decidan sumarse como franquiados.