Emprego

Galicia crea emprego cun aumento nas afilacións e na contratación indefinida

A Comunidade acumula 11 meses consecutivos de caída do paro na evolución anual, o número de desempregados continúa a niveis precovid-19 e, con respecto ao inicio da pandemia, reduciuse nun -7,05%, un ritmo superior en 2,9 puntos ao rexistrado no Estado

Óscar Gómez

Ourense | 02.03.2022 12:26

Zeltia Lado
Zeltia Lado | onda cero

Febreiro pechou en Galicia cunha cifra de desemprego -154.509- que continúa a niveis precovid-19 sendo, ademais, a máis baixa de toda a serie histórica (1996) nun mes de febreiro. A comunidade galega, ademais, creou emprego, xa que aumentou a afiliación e a contratación indefinida, tanto na evolución anual como mensual. A directora xeral de Formación e Colocación, Zeltia Lado, valorou os datos do paro rexistrado destacando que, con respecto ao inicio da pandemia (febreiro de 2020), o número de desempregados reduciuse nun -7,05%, unha baixada maior que a producida no Estado (-4,14%), cunha vantaxe de 2,9 puntos.

En canto a evolución anual, a caída do paro é a maior rexistrada en toda a serie histórica (1996) nun mes febreiro, tanto en termos absolutos (-30.719) como en relativos (-16,58%). A comunidade galega, ademais, acumula xa once meses consecutivos nos que baixa o paro na evolución anual.

O desemprego diminuíu tamén nas principais variables: nas catro provincias galegas e nas sete grandes cidades; e en todos os sectores económicos, liderando o descenso a construción (-20,64%) e a industria (-17,04%). Lado, así mesmo, fixo fincapé no “comportamento favorable” dos colectivos con máis dificultades para atopar un traballo e que son prioritarios para o Goberno galego. Así, a cifra de desemprego entre os parados de longa duración é a máis baixa nun febreiro desde 2009; e as mulleres e menores de 30 anos en paro acadan o menor número de toda serie histórica de datos nun mes de febreiro.

Con respecto ás afiliacións, aumentaron con respecto a febreiro de 2021 nun +3,23%, polo que Galicia continúa superando o millón de persoas cotizantes á Seguridade Social. A cifra global -1.026.146- sitúase a un nivel superior ao reflectido hai 12 anos. A contratación tamén aumenta, medrando a indefinida nun +166,86%, un incremento “moi superior” ao reflectido na subida da contratación temporal (+14,73%) e ao aumento producido no Estado (+139,25%). A tempo completo tamén subiron os contratos en Galicia (+8.080), superando o ritmo de subida da contratación a tempo parcial (+7.710).

Máis afiliacións que en xaneiro

Na evolución mensual, o paro, pese ao lixeiro incremento en 577 persoas (+0,37%), baixou en todas as provincias, excepto en Pontevedra, e en todos os sectores económicos, excepto nos servizos. As afiliacións aumentaron nun 0,41%, o que supón un incremento maior que o rexistrado no Estado (+0,34%). A contratación indefinida, ademais, subiu nun 31,73% con respecto a xaneiro.

Lado incidiu en que a Xunta continúa reforzando as súas políticas activas de emprego para incrementar as oportunidades laborais das galegas e dos galegos, sinalando que a máxima prioridade é nestes momentos mellorar o mercado de traballo para que o desemprego continúe diminuíndo e para acadar un mercado laboral en igualdade. Neste senso, indicou que o Goberno galego está a impulsar programas cos que se pretenden corrixir discriminacións por razón de xénero e promover unha redistribución de roles, avanzar na equidade salarial e mellorar a conciliación.

Así mesmo, afirmou que a formación é clave para acadar un mercado laboral en igualdade. Por iso, apuntou que a Xunta mellorará as capacidades dixitais e para o emprendemento de máis de 10.000 mulleres no rural por medio dun novo programa que, cun investimento de 5,2 millóns de euros, pretende axudar co preferencia a desempregadas e a mulleres residentes en concellos con menos de 30.000 habitantes.

Esta nova iniciativa forma parte do Plan Emprega Muller, dotado este ano con 34,3 millóns de euros, para favorecer as oportunidades laborais entre as galegas con programas integrados para mulleres e unidades formativas en empresas de sectores con sub-representación feminina, apoios á contratación e a súa participación no relevo xeracional.

A directora xeral afirmou que a muller é clave nas políticas activas de emprego da Xunta e tamén outros colectivos con dificultades para atopar un traballo como son os menores de 30 anos e as persoas con discapacidade ou en risco de exclusión social.

“Apostar por todos eles é, sen dúbida, avanzar cara á consecución dun mercado de traballo en igualdade”, engadiu. Por iso, engadiu, a Xunta ten en activo o Plan Emprega Xuventude (51,8M€) e o Plan Discapacidade-Exclusión Social (46M€) para que” todas as galegas e galegos, con independencia das súas particularidades, poidan acceder a un emprego en igualdade de condicións”, concluíu.