A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, Elena Rivo, destacou que o pasado agosto, un mes no que adoita subir o paro pola finalización dos contratos de verán, Galicia -con 127.725 persoas desempregadas- acadou a segunda cifra máis baixa de desemprego de toda a serie histórica (1996) e tamén a mellor nun agosto desde que hai rexistros en paro feminino.
“Galicia viviu un verán histórico, esa é a razón pola que non acusa o fin da tempada estival, que supón a finalización de contratos en sectores asociados á hostalaría e ao turismo”, aseverou a titular autonómica de emprego, quen indicou que os datos do paro rexistrado en agosto son “a confirmación de que o mercado laboral galego goza de boa saúde e cada vez depende menos da estacionalidade”. A suba mensual do desemprego foi do 0,22% en relación co pasado mes de xullo, lixeiramente inferior á media do Estado onde creceu o 0,93%.
Na valoración dos datos do paro rexistrado correspondentes ao mes pasado, a titular de Promoción do Emprego subliñou a boa evolución do desemprego feminino que se situou no seu mínimo para un agosto desde que hai rexistro (2005) con 76.208 mulleres. O paro de longa duración, remarcou, acadou o seu chan dos últimos 15 anos (algo máis de 65.000 persoas) e a cifra de desempregados menores de 30 anos, a segunda cifra máis baixa (13.310) desde que se leva a conta, despois da anotada o pasado xullo.
“O mercado laboral galego enfronta o futuro con fortaleza e dinamismo, xerando un emprego de calidade, inclusivo, económico e intelixente”, indicou a conselleira, quen quixo destacar que respecto de hai un ano, o paro baixa en todos os sectores de actividade, nas catro provincias e nas sete grandes cidades.
Os datos hoxe coñecidos evidencian un descenso do 10% do desemprego con respecto a agosto de 2022: un total de 14.187 persoas menos que hai un ano. Por sectores, o primario lidera esa baixa (-15,61%) seguido do da industria (-13,93%). Ese 10% sitúa a Galicia como a terceira comunidade con maior descenso do desemprego en termos porcentuais respecto de hai un ano no conxunto do Estado. Galicia conta ademais con 22.580 persoas afiliadas máis que en agosto de 2022 e segue por encima do millón de cotizantes.
Rivo afirmou que a Xunta seguirá a potenciar políticas activas de emprego e estratexias como o programa Retorna Cualifica Emprego, que promove o seu departamento, e que está a espertar o interese de centos de galegos no exterior que queren retornar cun contrato indefinido na man e con axudas de 1.300 euros para se instalar en Galicia. Puxo como exemplo tamén a Rede de polos de emprendemento que “están a xerar emprego e empresas sobre todo nas zonas do rural, fixando poboación no territorio”, remarcou.