O presidente do PPdeG, Alfonso Rueda, lamentou que gran parte dos fondos europeos destinados a ser unha “grande oportunidade para o desenvolvemento industrial de Galicia” aínda estean “sen resolver ou sen convocar” por parte dun Goberno central ao que reclamou a descentralización da xestión destes fondos nas comunidades autónomas.
Galicia aglutina a cuarta parte da produción automobilística
Nunha visita ás instalacións de UNVI (Unidade de Vehículos Industriais) en San Cibrao das Viñas, o líder dos populares galegos puxo de manifesto que, a pesar de que Galicia aglutina “a cuarta parte ou máis da produción automobilística de toda España”, o peso do sector non se corresponde coa porcentaxe de fondos destinados á nosa Comunidade.
“As comunidades autónomas temos un nivel de execución de fondos europeos infinitamente maior que a do Goberno central. Por iso, seguiremos reclamando que se conte con nós e que se descentralice un sistema que non funciona e que está a ralentizar a chegada duns investimentos que o noso tecido industrial e as nosas Pemes precisan para o seu futuro”, subliñou.
Fondos europeos ligados á competividade e o crecemento
Nesta mesma liña, o candidato Adrián Vázquez asegurou que “non pode ser que o país máis descentralizado de Europa estea xestionando uns fondos tan importantes para o cambio do noso país dunha maneira tan centralizada”.
“Queremos máis transparencia e menos corrupción, máis cogobernanza coas comunidades e menos tapón desde Madrid”, engadiu ao tempo que subliñaba o compromiso do Partido Popular de aplicar maior transparencia e eficacia na xestión destes fondos para que así poidan chegar á economía real das empresas.
Os populares apostan así por un sistema de fondos europeos ligado á competitividade e o crecemento, de xeito que promovan a reindustralización da nosa economía e a incorporación de innovación nos sectores tradicionais a través de ferramentas máis eficaces que garantan a súa absorción. Un sistema no que, ademais, defenden o papel tanto das comunidades autónomas como do sector privado no seu deseño e planificación.