O ano 2021 pechou en Galicia marcado pola recuperación do mercado laboral. Así o destacou a directora xeral de Formación e Colocación, Zeltia Lado, quen sinalou que o número de parados -152.584- continúa a niveis precovid-19 e é a cifra máis baixa nun mes de decembro de toda a serie histórica de datos (1996). Respecto ao inicio da pandemia (febreiro 2020), o desemprego reduciuse nun -8,21%, un ritmo de baixada que case duplica ao do Estado (-4,32%).
a caída do desemprego en 37.003 persoas e o maior descenso desde 1996
Na evolución anual, Lado sinalou que a caída do desemprego en 37.003 persoas (-19,52%) e o maior descenso desde 1996, tanto en termos relativos como absolutos, unha caída que, segundo subliñou, permite a Galicia acumular nove meses consecutivos de baixada do paro. O desemprego con respecto a decembro de 2020 descendeu nas principais variables; nas catro provincias galegas e nas sete grandes cidades; en todos os sectores económicos; nos parados de longa duración; e en todas as franxas de idade. De feito, a cifra de mulleres desempregadas (87.841) é a máis baixa de toda a serie histórica de datos (maio 2005) e o número de menores de 30 anos en paro (17.749) sitúase como a menor nun mes de decembro, tamén desde maio de 2005.
Con respecto ás afiliacións, Galicia segue a superar o millón situándose a cifra, 1.032.784, a un nivel superior ao reflectido hai doce anos. As cotizacións crecen no último ano nun 3,06%, é dicir, hai 30.624 afiliacións máis. A contratación, na evolución anual, aumentou de xeito xeral, nun 26,87%, crecendo a maior ritmo que no Estado (+24,09%). Na comunidade galega tamén medrou a contratación indefinida máis que a temporal e creceu a contratación a tempo completo. En canto á comparativa con novembro de 2021, o paro baixou en Galicia nun 0,11%, caendo nas sete grandes cidades, nos menores de 30 e entre as mulleres.
En decembro, ademais, rexistráronse en Galicia 1.901 Ertes que afectaron a un total de 5.276 persoas traballadoras. A evolución durante os meses que está a durar a pandemia resulta favorable, xa que neste período saíron dun Erte un total de 159.762 traballadores, o que supón o 96,80%. No Estado, a proporción de saídas é do 96,38%, o que significa que España conta cunha proporción menor de traballadores que saíron dun Erte.
Lado, tal e como reflicten os datos, destacou a boa evolución do mercado laboral de Galicia pese á pandemia e puxo en valor o impulso que está a dar o Goberno galego á creación de emprego. Neste senso, lembrou que no último mes do ano aprobáronse por valor de 51,6 millóns de euros diversas liñas de axudas para “seguir ao carón dos que máis o precisan para atopar ou manter o seu emprego”.
Apoio á mocidade, á discapacidade e aos autónomos
Así, a directora xeral explicou que se activaron con 24 millóns de euros os dous primeiros programas do novo Plan Emprega Xuventude: a iniciativa Primeira experiencia profesional nas administracións públicas e Investigo, coas que a Xunta prevé a contratación dunhas 1.000 persoas mozas desempregadas. Lado tamén apuntou que no último Consello da Xunta celebrado en 2021 aprobouse un orzamento de 7,6 millóns de euros para apoiar a través de dous programas a mellora das oportunidades laborais de máis de 1.600 persoas con discapacidade ou en risco de exclusión social. As dúas iniciativas enmárcanse no Plan Emprega Discapacidade-Exclusión Social que suma para 2022 un total de 46 millóns. Así mesmo, convocáronse, tal e como xa publicou o Diario Oficial de Galicia (DOG), axudas por valor de máis de 20 millóns de euros para incentivar altas no emprego autónomo e favorecer a competitividade de negocios xa en marcha a través do Bono Autónomo.
Lado concretou que a estes apoios por 51,6 millóns de euros sumarase a orde de axudas que se convocará este mes de xaneiro e que está dirixida á hostalería e establecementos de ocio nocturno que pecharon en Fin de Ano. Estes apoios uniranse aos case 130 millóns mobilizados pola Xunta durante toda a pandemia para estes colectivos.
A directora xeral, por último, apuntou que o Goberno galego, ademais, traballa en paralelo na reforma integral das oficinas de emprego para dar unha resposta máis áxil aos cidadáns e mellorar os índices de colocación. Así, tamén no último Consello da Xunta celebrado en 2021, autorizouse a licitación por 5,7 millóns de euros do deseño e desenvolvemento dun novo sistema de información baseado na intelixencia artificial, que permitirá axustar a oferta e a demanda laboral. Esta medida forma parte do Plan de modernización de todo o Servizo Público de Emprego que está a acometer a Xunta de Galicia e que se iniciou coa posta en marcha da Axenda Galega de Capacidades.