A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, Elena Rivo, destacou que o mercado laboral galego continúa a evolucionar de xeito favorable. Así, sinalou que a cifra de desemprego acadada en setembro -130.643- é a máis baixa de toda a serie histórica (1996) nese mes, e, polo tanto, é, segundo recalcou, “a mellor cifra dun setembro de hai 27 anos”.
Baixou o paro na evolución anual (-9,34%) e aínda que na comparativa mensual aumentou (+2,28%), Rivo indicou que é un feito que se produce en Galicia todos os anos desde 1996 (agás en 2005 e 2020).
Con respecto a hai un ano (setembro 2022), Galicia é a quinta comunidade autónoma onde máis baixou o paro, avantaxando ao Estado no descenso rexistrado cun diferencial de 1,88 puntos. O desemprego caeu nas catro provincias e nas sete grandes cidades e en todos os sectores económicos, liderando o descenso o primario (-13,61%), seguido da industria (-12,44%). Diminuíu tamén o paro entre os colectivos prioritarios para a Xunta. Así, a cifra de parados menores de 30 anos e de mulleres desempregadas son as máis baixas da serie histórica (2005) nun setembro. O número de parados de longa duración tamén caeu con respecto a hai un ano, sendo a menor cifra para este colectivo nun mes de setembro nos últimos 15 anos.
En canto ás afiliacións, continúan a superar a barreira do millón con 1.071.112 persoas cotizantes á Seguridade Social. A cifra con respecto a hai un ano creceu nun 2,07%, o que supón 21.766 persoas máis. As afiliacións atópanse a un nivel superior ao reflectido hai 14 anos.
A conselleira de Promoción do Emprego sinalou que o compromiso do Goberno da Xunta coas galegas e os galegos para favorecer as condicións para atopar un emprego de calidade é “permanente”. Explicou, ao respecto, que a Xunta traballa a través das políticas activas de emprego para incrementar as oportunidades laborais e crear “un mercado laboral dinámico e inclusivo”, ao tempo que afirmou que se están a impulsar programas para que a comunidade sexa un territorio cada vez máis atractivo para traballar e para investir.
“Fixar emprego no territorio segue a ser unha das prioridades da Xunta de Galicia: traballamos para dinamizar o emprego e xerar riqueza nas grandes cidades e tamén no noso rural”, rematou.