Datos Paro

Galicia recupera o emprego perdido na Covid-19 con mais afiliacións e menos paro

A directora xeral de Formación e Colocación, Zeltia Lado, valorou os datos do paro rexistrado destacando que a comunidade autónoma galega rexistra 1.034.229 afiliados á Seguridade Social e conta con 153.054 parados fronte ás 1.002.624 cotizacións e aos 174.481 desempregados de marzo de 2020.

Óscar Gómez

Ourense | 04.10.2021 12:35

Galicia recupera o emprego perdido na Covid-19 con mais afiliacións e menos paro
Galicia recupera o emprego perdido na Covid-19 con mais afiliacións e menos paro | onda cero

Galicia acumula seis meses consecutivos de baixada de paro na evolución anual, o que, en palabras de Lado, demostra a recuperación do mercado de traballo, un feito ao que se une a saída de traballadores dun Expediente de Regulación Temporal de Emprego. A evolución durante os meses que está a durar a pandemia é favorable, xa que neste período (abril 2020-setembro 2021) saíron dun Erte 155.196 traballadores en Galicia, o que supón o 94,04% fronte ao 92,94% do Estado. Así, Galicia conta cunha proporción maior de traballadores que saíron dun Erte.

Con respecto aos datos do paro, máis polo miúdo, na evolución anual, a baixada do desemprego foi do -13,32% (-23.520 persoas), a maior caída de toda a serie histórica de datos (1996) nun mes de setembro, recuperando as cifras de desemprego anteriores ao comezo da pandemia. O paro, ademais, sitúase a un nivel inferior ao reflectido en setembro de 2008, ao inicio da crise económica hai 13 anos. O desemprego descende nas catro provincias galegas e nas sete grandes cidades e en todos os sectores económicos, liderando a caída o sector primario (-19,63%) seguido da construción (-18,71%). A cifra de mulleres desempregadas é, ademais, a máis baixa nun setembro desde 2007 e a de menores de 30 anos a menor de toda a serie histórica (maio 2005). O paro tamén descende nos parados de longa duración. Con respecto á comparativa co Estado, a baixada rexistrada en Galicia (-13,32%) mantense na media de caída rexistrada no Estado (-13,73%).

En canto á evolución mensual, é un feito habitual que o desemprego aumente no mes de setembro co fin da campaña de verán. Lado indicou, ao respecto, que o único sector económico no que aumentou o desemprego con respecto a agosto foi o dos servizos cunha subida do 1,86%. Pola contra, o paro baixou na construción (-1,49%), no sector primario (-1,12%) e na industria (-0,98%). De feito, a directora xeral salientou que setembro é o único mes de todo o ano no que o desemprego subiu en Galicia, lembrando que no transcurso deste ano descendeu o paro ao longo de 8 meses consecutivos. Lado, ademais, sinalou que nos últimos nove meses, o desemprego baixou en Galicia nun -19,27% cunha vantaxe de case tres puntos con respecto ao Estado (-16,21%).

Afiliacións e contratos

Con respecto a setembro de 2020, as afiliacións aumentan nun 2,22% (+22.340), retomando a tendencia positiva iniciada en setembro de 2014 e interrompida en setembro de 2020 pola crise sanitaria. A contratación aumenta de xeito xeral, medrando a indefinida (+22,60%) máis que a contratación temporal (+15,60%) en termos relativos e a tempo completo (+7.175 contratos) máis que tempo parcial (+6.156) en termos absolutos. Na evolución mensual, a contratación tamén medrou: a indefinida (+37,13%) máis que a temporal (+19,04%) e a tempo completo (+10.035 contratos) máis que a tempo parcial (+6.416).

Evolución dos Erte

En canto á evolución dos Erte, no mes de setembro rexistráronse en Galicia 4.357 expedientes que afectaron a un total de 9.842 persoas traballadoras, o que supón en termos absolutos un descenso con respecto a agosto de 968 persoas e en termos relativos unha caída do -8,95%.

A directora xeral sinalou que á vista dos datos, “Galicia está no camiño da recuperación e da reactivación económica” con menos paro que ao inicio da pandemia. Sinalou que para seguir nesta senda é preciso continuar apoiando aos sectores económicos máis afectados pola covid-19 e apostar “de xeito decidido” pola formación para o emprego, adiantándose ás necesidades formativas cara aos empregos do futuro. Neste senso, explicou que o Goberno galego traballa para identificar “o antes posible” os empregos de futuro “neste momento de oportunidades” e sinalou a importancia de facilitarlle ao tecido empresarial unha transformación dixital para manter a competitividade no mercado e xerando, ademais, un valor de diferenciación “moi relevante”.