A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, Elena Rivo, destacou hoxe o descenso do paro en Galicia con respecto de hai un ano e que sitúa a cifra de desempregados en mínimos nun outubro desde que hai rexistros.
As 133.348 persoas desempregadas constatadas supoñen a cifra máis baixa no décimo mes do ano desde 1996. Rivo destacou que, aínda que o paro suba como é habitual na lectura mensual -pola extinción dos últimos contratos da campaña de verán e de tipo estacional como a vendimia-, segue a descender con respecto de hai un ano nas catro provincias, nas sete grandes cidades e en todos os sectores de actividade.
Galicia é a cuarta comunidade na que máis baixa o paro en número de persoas con respecto de outubro de 2022. Na lectura mensual, o desemprego sobe en todas as comunidades autónomas, salvo Madrid, neste outubro.
“Un mes máis é de destacar a evolución do desemprego nos colectivos prioritarios para as nosas políticas de emprego”, indicou a conselleira, quen apuntou que o número de desempregadas mulleres e menores de 30 anos é o mínimo nun outubro e que o paro de longa duración amosa o mellor comportamento para este mes en 15 anos.
A comunidade mantén, por outra banda, o número de afiliacións por enriba do millón de persoas: 1.067.853, dato que eleva o anotado en outubro de 2009 cando se anotaran 1.032.036
A Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade ven de presentar un orzamento histórico que supera os 500 millóns de euros. “A Xunta está comprometida coas familias, cos sectores máis vulnerables e coa equidade”, indicou Rivo, quen quixo destacar a aposta decidida polo emprego autónomo e pola formación das persoas traballadoras.
En 2024 este departamento autonómico mobilizará 29 millóns para apoiar as altas de autónomos e inicio de actividade. Haberá cota cero para novos autónomos durante os 12 primeiros meses de actividade, unha das novas medidas que dinamizará este colectivo, destacou a titular de Promoción do Emprego.
O Plan Galego de formación para o emprego 2024 para persoas ocupadas e desempregadas estará dotado, pola súa banda, con máis de 117 millóns de euros. Tamén se incentivará a contratación de mulleres en sectores fortemente masculinizados, lembrou Rivo.
“Temos as contas idóneas para lograr unha Galicia xusta, equitativa e solidaria, con oportunidades de seguir prosperando nun futuro mellor”, rematou a conselleira, quen quixo engadir que a Xunta “comparte cos galegos e coas galegas a súa preocupación polo emprego e respondemos con medidas para un mercado laboral diverso, equitativo e de calidade.