Un home de 93 anos morreu este martes nun accidente de tráfico que tivo lugar na OU-304. O sinistro consistiu nunha saída de vía que se produciu pouco antes das cinco da tarde a cinco quilómetros do municipio ourensán de Baltar. En concreto, no quilómetro 10 da citada estrada.
Ata a zona desprazáronse efectivos de Garda Civil de Tráfico, así como o helicóptero medicalizado do 061 con base en Ourense e persoal sanitario nunha ambulancia. Segundo informa o centro de atención ás urxencias 112 Galicia, os facultativos non puideron facer nada por salvar a vida do home, que viaxaba no asento traseiro e facía uso do cinto de seguridade.
A condutora, de 45 anos, resultou ferida leve e foi trasladada ao Hospital Cosaga de Ourense.