Este centro contará con 32 prazas de atención residencial que estarán operativas nesta mesma semana e que se completarán coa atención prestada no centro ocupacional desta entidade, con capacidade para 25 persoas. A Xunta colabora con Aspadisi no financiamento de prazas nestas instalacións e tamén lle acaba de conceder unha axuda para a adquisición dun vehículo adaptado que mellore a atención dos seus usuarios.
Fabiola García destacou que o Goberno galego está sempre a carón do tecido social para mellorar as súas prestacións e para aproveitar o seu coñecemento e experiencia nunha atención de calidade a todas as persoas con discapacidade. Neste sentido, apuntou que a Xunta incrementou o orzamento destinado a esta área nos orzamentos deste ano 2024 ata superar a barreira dos 170 millóns de euros.
Patricia Torres lembrou que a Deputación de Ourense colaborou cunha achega de 300.000 euros para a construción do edificio da residencia-centro da Asociación de Pais de Discapacitados Psíquicos da comarca do Carballiño (Aspadisi). “Desde o goberno provincial estaremos sempre ao carón destas necesidades reais e tan importantes para a nosa sociedade”, asegurou a deputada provincial.
Este centro residencial pretende non só dar resposta ás persoas con diversidade funcional que precisen atención cando non conten co seu soporte familiar, senón que ademais conta con habitacións dobres que están pensadas para acoller a aquelas persoas que xa non poden seguir a coidar dos seus fillos, para ofrecerlles a posibilidade de seguir compartindo a súa vida con eles nesta residencia.