A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, destacou o inicio das obras da fonte de auga quente na contorna da Capela dos Remedios, que acrecentará o potencial de Ourense como referente en termalismo. Vázquez Mourelle, xunto co delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, supervisou hoxe o inicio desta nova actuación na cidade, para habilitar unha fonte termal de carácter ornamental, “perfectamente integrada neste espazo público renovado e na paisaxe da contorna, que conforman a Capela dos Remedios e a propia Ponte Romana”, subliñou.
A conselleira explicou que se trata de crear un novo espazo sinxelo, agradable, protexido e á sombra dos 2 cedros existentes. Concretou que as obras se inician hoxe cos traballos de implantación, cun equipo de obra e outro de topografía, que comprobará o terreo. As primeiras intervencións, dixo, serán demolicións e desmontaxe dos elementos urbanos: bordos, pavimentos, e o movemento de terra necesario para crear a pequena depresión no terreo que acollerá a fonte.
Segundo indicou, os traballos son relativamente sinxelos e contan cun prazo estimado en 3 meses. Con todo, tal e como dixo, o seu desenvolvemento estará condicionado polo subministro da pedra, grandes elementos de granito que conformarán a fonte. A previsión é ter toda a pedra subministrada en febreiro.
Deste xeito, segundo avanzou a conselleira, o obxectivo é ter a comezos da primavera finalizada e a disposición dos veciños a nova fonte termal na contorna da Capela dos Remedios e da Ponte Romana, logo dun investimento da Xunta de máis de 117.000 €. Con esta intervención dotarase Ourense dun novo elemento que reforza a súa identidade como cidade termal.
Esta nova actuación súmase ás intervención levadas a cabo para recuperar e poñer en valor a Ponte Romana e a contorna da Capela dos Remedios, que se executaron en dúas fases e supuxeron un investimento autonómico de 1,6 M€. A nova fonte ornamental xorde das prospeccións realizadas durante a execución da 2ª fase desas obras, rematadas en febreiro, que permitiron identificar na zona este foco de augas termais, que xa fora identificado polo Instituto Xeolóxico e Mineiro de España en 1984, e posteriormente selado.
Para lograr que a fonte estea en perfecta harmonía coa paisaxe urbana xerada e cos sistemas de ramplas, e acorde á monumentalidade da Ponte e da propia Capela, proxectouse unha fonte termal cun deseño sinxelo, actual e integrado.
Apuntou que nesta obra empregaranse os mesmos materiais que se utilizaron no resto da intervención realizada pola Xunta. Así, empregarase granito de cor tostada e contarase cos mesmos elementos compositivos do entorno, como as pezas de gran formato das ramplas ou os propios bancos, para crear a mesma linguaxe arquitectónica existente na contorna.
Máis en detalle, a fonte executarase en pedra de granito tostada e contará cunha parede semicircular da que manará a auga termal que se precipitará sobre unha pila semicircular. Esa pila recollerá a auga que desbordará provocando a caída ata o chan, onde haberá un canal polo que continuará ata acadar o sumidoiro.
Vázquez Mourelle fixo fincapé en que será unha fonte cun percorrido para a auga, con saltos, desbordes e circulacións, deseñado especialmente para o desfrute sensorial: o visitante poderá desfrutar dos olores, vapores e sons da auga termal no seu descorrer.
En sintonía coa sinxeleza e sutileza no deseño da fonte, a iluminación da súa contara tamén será suave e delicada e irá colocada na base dos bancos que delimitarán este espazo. Para acabar de crear un nexo de unión perfecto coa contorna actual e coa zona verde, os 2 cedros desa zona quedarán integrados no deseño, creando un xardín con céspede e flores, delimitado por un bordo de granito, dimensionado para respectar as raíces.