O Inorde abre o prazo para adquirir os seus animais de razas autóctonas en perigo de extinción (galiña de Mos, porco celta, ovella e cabra galega) logo de aprobar as bases que regulan a venda destes exemplares na Comisión Executiva deste organismo, o pasado 11 de marzo.
Galiña de Mos
O prezo por unidade dos polos dun día de raza “galiña de Mos” é de 1 euro. Para elo, os interesados deberán ter rexistro de gandaría (REGA).
Ovella e cabra galega
No caso da ovella e da cabra galega o seu prezo será de 60 euros por animal para as femias maiores de seis meses inscritas no libro xenealóxico, e de 40 euros para as ovellas menores de seis meses e de 45 euros para as cabras de menos de seis meses.
Os solicitantes deberán estar en posesión do código de explotación ovino/caprino. Ademais, no momento da entrega deberán acreditar que teñen un carneiro (no caso da ovella galega) ou castrón (no caso da cabra galega) de dita raza ou cursada a correspondente solicitude deste animal. Así mesmo, comprométense a non sacrificalos no prazo dun ano e as cordeiras e as cabritas deberán cruzarse, exclusivamente, con machos inscritos no libro xenealóxico.
Porco celta
A venda de porco celta será de lotes máximos por solicitante e ano de porcas xestantes ou porcas de recría 4 unidades, e de verrons, 1 unidade. Os prezos serán os de mercado e tomaranse como base os publicados na prensa provincial e autonómica cada semana. Os solicitantes deberán estar en posesión do código de explotación porcina, estar dado de alta nunha agrupación de defensa sanitaria, no caso de solicitantes de porcas de recría deberán acreditar que dispoñen dun verrón de raza de porco celta, e terán prioridade os gandeiros que teñan na súa explotación porcos inscritos no libro xenealóxico de raza porco celta.
Ademais, os solicitantes comprométense a que as porcas preñadas de recría e verróns inscritos no libro xenealóxico, a non sacrificalas no prazo dun ano, así como a cruzar as porcas exclusivamente con machos inscritos neste libro.
Solicitudes
Os interesados en adquirir ditos animais poderán presentar as súas solicitudes desde mañá ata o 31 de decembro de 2022. Os animais irán entregándose, no caso de cumprir con todos os requisitos esixidos en ditas bases, en rigorosa orde de rexistro, revisándose as listas os días 1 e 15 de cada mes. En todos os casos, o transporte de ditos animais corre por conta do gandeiro.
Para máis información poden consultarse as bases publicadas no BOP: [[LINK:EXTERNO|||https://bop.depourense.es/portal/descargarPdf.do?numBoletin=72&fecha=20220329|||https://bop.depourense.es/portal/descargarPdf.do?numBoletin=72&fecha=20220329]]